Volver

Carta aberta ás compañeiras de profesión sobre a situación actual

Bo día,

Levo xa varias semanas reflexionando acerca desta estraña situación que estamos a vivir e a verdade é que non creo que o silencio sexa unha boa resposta ante esta crise que estamos a vivir, polo que me decido a enviar este mail ou carta aberta á directiva e a todas as compañeiras de profesión.

As compañías de teatro, as produtoras e, polo tanto, tamén as actrices e actores (non só as que temos compañías e / ou formamos parte do elenco dun espectáculo en xira ou as que estamos rodando, xa que todas confirmamos o tecido cultural) asistimos a un momento crucial que moitas administracións están aproveitando para continuar levando a cabo recortes salvaxes en materia de cultura e medidas case diría que absurdas no ámbito da programación en relación á maneira en que se está abordando esta crise a nivel global.

Dende a miña perspectiva, non é un bo momento para estar caladas, senón máis ben para esixir, en diálogo aberto con outras asociacións, que se respecte o noso sector e, como mínimo, que se trate en igualdade de condicións en relación a outros sectores.

Considero que este é un momento no que estar unidas, independientemente da(s) asociación(s) á(s) que pertenzamos, na loita pola conquista duns dereitos que vemos minguados cada día. Sempre se poden inventar escusas. Cando non é unha crise económica, é a actual crise sanitaria con todo o que implica, pero a realidade segue sendo que, fronte a moitos outros sectores, estamos en clara desigualdade.

Non sei se son unha utópica, pero continúo confiando na necesidade dunha rede cultural que permita mostrar traballos feitos con dedicación, oficio e cariño. Non fago máis que falar con compañeiras, tamén doutras comunidades, que inciden na gravidade da situación, e na aparente pasividade e falta de acción por partedno noso colectivo; feito no que, claramente e por desgraza, tamén me inclúo.

Non creo que sexa suficiente con difundir en redes sociais que nos pareza inxusto que as salas estean a un 30 ou 50 % mentres os medios de transporte funcionan e circulan con aforos completos se non tomamos ningunha medida extra de cara ás administracións que están xestionando esta nova crise.

Supoño tamén que é inocente e mesmo naïf pensar que, se as asociacións das que formamos parte non se puxeron de acordo para moitas cousas até o de agora, tampouco o van facer nestas circunstancias e continuarán/ continuaremos discutindo e creando conflitos entre nós en lugar de unirnos para compartir criterios que nos fagan medrar xuntas e, así, poder solicitar ás administracións con maior forza e apoio que se nos trate co mesmo respecto que a outros colectivos. Hai case dous anos xa, asistía emocionada ao discurso de Mela Casal sobre a importancia de crear xuntas un panorama mellor; por desgraza, parece que esas sabias palabras dunha persoa que leva dedicada toda a vida a esta profesión non tiveron moito eco en nós.Continuamos cun 21 % de IVE, sufrimos a cancelación continua de bolos e festivais, vemos minguados os orzamentos de cultura até límites insospeitados, temos proxectos parados por non saber cales son os pasos a dar...

Ante esta situación desesperada, as administracións lanzan axudas sen moito máis criterio que a orde de presentación até baleirar o bote. É esta a esmola que queremos? Pan para hoxe e fame para mañá? Non deixo de facerme estas preguntas.

Por ir rematando, isto non deixa de ser unha reflexión que oxalá puidese chegar a mobilizar algo en alguén ou, polo menos, incitar a repensar brevemente na necesidade de unión das diversas asociacións para reclamar que a cultura, como dicía Lorca e recordaba hai pouco Fernando Cayo, é un ben de primeira necesidade, por moito que nos intenten facer crer o contrario. Non hai máis que lembrar as cifras de visionado de filmes ou series, a lectura de libros, visualización de concertos, que tiveron lugar durante o período do confinamento e poñelas por diante, xa que tanta obsesión cuantitativa teñen por parte de certas administracións á hora de deseñar as axudas á cultura.

Supoño que moitas veces somos nós mesmas as que non nos consideramos como necesarias, e quizais por iso nos resulte tan difícil poñernos de acordo entre nós e solicitar o que nos corresponde para poder facer medrar unha cultura da que nos sintamos orgullosas non só como colectivo, senón tamén como espectadoras e cidadás.

Grazas por ler.

Aperta.

Saúde, resistencia e valor.