Os premios

Toda a información sobre os María Casares

Os premios

Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados en 1997 pola AAAG a fin de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral.

Optan aos Premios María Casares as producións teatrais estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á súa concesion, así como todo o corpo profesional participante nas citadas montaxes.

A Gala de entrega dos Premios María Casares celébrase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña en datas próximas ao Día Mundial do Teatro, o 27 de marzo. Entre 2020 e 2022 esta data viuse alterada. Conta coa inestimábel colaboración do Concello da Coruña, cidade da que a actriz María Casares é filla predilecta.

Os votantes e as categorías

O censo de votantes congrega - ademais do colectivo de membros da AAAG - a responsábeis da xestión e programación teatral, profesionais da crítica, etc. Ademais, adquiren dereito a voto as persoas e entidades nomeadas nas edicións anteriores. En total preto de 500 profesionais das artes escénicas.

Os galardóns constan de dezaseis categorías ou apartados representativos do traballo realizado antes e despois de o pano ser levantado.

As categorías premiadas son:

  • Maquillaxe
  • Vestiario
  • Iluminación
  • Espazo escénico (Dende a XXVII edición. Anteriormente Escenografía)
  • Espazo sonoro (Dende a XXVII edición. Anteriormente Música orixinal)
  • Dirección de movemento (Dende a XXVII edición)
  • Adaptación / tradución (Dende a II edición)
  • Texto orixinal
  • Actor secundario
  • Actriz secundaria
  • Actor protagonista
  • Actriz protagonista
  • Dirección
  • Espectáculo Infantil (dende a XIX edición)
  • Espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas (Dende a XXVII edición)
  • Espectáculo

Ademais, o Premio de Honra Marisa Soto é outorgado pola Xunta Directiva da AAAG para recoñecer persoas e entidades de traxectoria e labor profesional encomiábel en prol do Teatro.