Volver

Teoría evolutiva

Segundo unha noticia publicada por La Voz de Galicia, o director do CDG, Manuel Guede Oliva, fai unhas manifestacións que, de se axustaren ó declarado, necesitan unha resposta...

Segundo unha noticia publicada por La Voz de Galicia, o director do CDG, Manuel Guede Oliva, fai unhas manifestacións que, de se axustaren ó declarado, necesitan unha resposta... A primeira. O teatro galego si evoluíu. Evoluíu dobremente acompañado: evoluíu ca sociedade galega, á que pertence, e evoluíu co teatro occidental, do que forma parte. As carencias que se din no artigo non existen, remitímonos ós espectáculos estreados por compañías galegas nestes anos. Neses espectáculos vese que o teatro galego vén ofrecendo dende sempre espectáculos variados, que abranguen todo tipo de públicos e clases sociais, e en todo tipo de formatos. Incluído o “gran teatro de repertorio, o que se estuda nos libros”.

Hai outras. O titular do artigo é potente: “Acusa”. Segundo isto, nós, quen facemos teatro galego, quen facemos teatro en Galicia, somos os responsables da non-evolución do teatro galego/teatro en Galicia. Ignoramos en que lugar xeográfico/teatral queda o CDG, xa que, segundo o artigo, só “Manuel Guede vese como unha excepción nesta xeneralización.” Pensabamos que o CDG formaba parte do teatro galego, e pensabamos que Manuel Guede tamén. Cos anos que leva Manuel Guede á fronte do CDG, non terá el algo que ver nese estancamento do que fala? E con esa forma de mirar o teatro que ten o público galego? Pero, vaia, que nós non vemos ese estancamento.

Fálase de Cataluña. As comparacións sopórtano todo, igual que as enquisas do CIS. Oxalá esa comparación con Cataluña soportase o distinto tratamento institucional, o distinto tratamento dos medios de comunicación, o distinto tratamento político á hora de definir políticas que impulsen o teatro (por certo, Manuel Guede ten cargo institucional na AGADIC, organismo dependente da Xunta de Galicia).

A comparación que si soportamos é a do talento e a das capacidades profesionais. Sen dúbida ningunha. Mala idea é desprezar os demais para promocionar un espectáculo. Con estas declaracións o titular que se conseguiu non ten nada que ver cun espectáculo bo, feito por bos actores e que gusta e atrae público ó teatro. Non cremos que titulares así atraian espectadores, ó contrario, aínda afastan máis á xente do teatro, do seu teatro, da sociedade galega.

Que non se nos acuse a nós do que non somos responsables. Nós aquí estamos, fundamentalmente, para facer espectáculos bos que gusten a todos tipos de público que hai dentro da sociedade galega. Esta sociedade plural ten un teatro plural. A forma en que os espectáculos chegan ó espectador non é responsabilidade única nosa. Hai xente profesional que ten responsabilidades claras niso. ... E se estas manifestacións non se axustasen ó declarado, igual merecen unha rectificación por quen proceda.

Falamos! Directiva AAAG