A Asociación

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que actúa como organismo autoxestor e autónomo agrupando os actores, actrices, directores e directoras de Galicia

Convenios e tarifas

Desde a AAAG ofrecemos un servizo de asesoramento permanente a fin de contribuír a mellorar a situación laboral do noso corpo asociativo. Sendo membro da AAAG terás dereito a unha primeira consulta gratuíta cunha avogada especialista na relación laboral de artistas en espectáculos públicos.

Esta relación laboral réxese polo Real Decreto 1435/1985 de 1 de agosto, modificado polo Real Decreto 5/2022 de 22 de marzo, no que, entre outras modificacións, incorporouse ao persoal auxiliar das actividades artísticas a este réxime.

O traballo de actores e actrices en Galicia está regulado por dous convenios:

  • O I Convenio de Actores e Actrices de Teatro de Galicia publicado no DOG o 30 de abril de 2009. Todas as producións teatrais de empresas cuxa sede social estea en territorio galego están suxeitas a este convenio.
  • O III Convenio colectivo estatal regulador de las relaciones laborales entre los productores de obras audiovisuales y los actores que prestan servicios en las mismas. Publicado o 16 de maio de 2016 no BOE. Todas as producións audiovisuais realizadas en España están suxeitas a este convenio.

A AAAG participou nas negociacións de ambolos dous textos e das súas modificacións. No de Teatro de Galicia directamente e no de Audiovisual do Estado a través da súa representación en ConArte, a confederación estatal na que se integra a AAAG, sempre en colaboración dos sindicatos de clase.

Ademáis dende a aprobación en 2018 do informe da subcomisión do congreso encargada de facer as recomendacións para a elaboración dun estatuto do artista, fóronse aprobando diferentes medidas en relación a estas recomendacións. Na páxina web do ministerio podedes ver as medidas e normativas promulgadas ou en proceso https://www.culturaydeporte.gob.es/destacados/estatuto-del-artista.html

Podedes consultar nas ligazóns de abaixo os textos completos dos convenios e os R.D. referidos, así como as tarifas vixentes no ano corrente e anteriores.