Querido público.
Benvidas, benvidos á celebración da Vixésima edición dos Premios María Casares. Benvid@s ao Teatro.
Antes de nada, unha advertencia! Todas as accións que van presenciar esta noite sobre este escenario serán interpretadas por XENTE REAL!
Persoas normais, traballadoras, que comen, que beben, que ás vezes dormen e que sofren doenzas normais como aquela vulgar e posmoderna cuxos principais síntomas son pagar a luz, a auga... esas cousas.
Todas as intervencións que van presenciar esta noite sobre este escenario están interpretadas por xente real: ACTORES E ACTRICES, profesionais que conforman un oficio.
Formamos parte de algo grande – unha profesión, un oficio! – un sector que consegue manter unha potente asociación para canalizar os seus intereses; un sector que conta con Convenios laborais que AMPARAN os seus traballadores e traballadoras, tanto no Audiovisual como no Teatro; un sector que en breve poderá celebrar a redacción dunha Lei de Artes Escénicas que será referencial para as políticas futuras (aproveitamos para enviarmos un grande abrazo para todas as persoas envolvidas na tarefa da redacción).
Na AAAG estamos tentando abrazar as persoas con quen compartimos espazo, estamos investindo grandes esforzos en mellorar a comunicación co noso sistema teatral, audiovisual, co noso sistema cultural. Será por iso que de repente esta noite nos vemos rodeados de profesionais da comunicación: xornalistas que escriben Manifestos, honrosas revistas teatrais.
Foi por iso que dixemos NON cando dous titeriteiros acabaran presos en Madrid. Non porque o suposto estado de direito que cantou o poeta perdese a chaveta nunha sorte de vendeta a toque de corneta. Dixemos NON porque queríamos chamar a Escena Galega, á Academia do Audiovisual, ás produtoras, guionistas, festivais... e falar, e asinar um comunicado. E fixemo-lo, discutimos e asinamos!
Dixemos NON cando os titeriteiros, e cada vez dicimos NON con maior agrado. Somos xente real. Dicimos NON aos recortes insolidarios, dicimos NON ao infame fechamento das fronteiras. Porque somos xente real. Dicimos NON ás políticas que estenden brutalmente as privatizacións sobre o público.
É fermosa a palabra “público”. “Querido público”.
Público como o coletivo, da cidadanía, non só como espectadores. E tamén como o tecido de institucións ao servizo da sociedade. A TVG por exemplo, sen ir máis lonxe.
Queremos facer unha única reclamación á Televisión pública: solemnemente pedimos á Televisión de Galicia, ás súas traballadoras e traballadores, que pola propia saúde dese ente, dediquen o máximo esforzo a exixir da profesión teatral a máxima dedicación e excelencia no seu traballo. Todos os dias. A TVG ten medios para promover ese fin.
Pedimos ao Centro Dramático Galego que, pola sua propia saúde, dedique o máximo esforzo a exixir dos responsábeis da TVG a máxima dedicación e excelencia no seu traballo, todos os días; e que lles lembre de paso que o noso sistema cultural non se despacha en media hora de programación no segundo canal. Pedimos á Academia do Audiovisual que, pola súa propia saúde exixa o CDG que sempre tivo que ser: unha casa para todos, áxil e de calidade. Pedimos a Escena Galega que acose os guionistas, pedimos à ESAD que persiga os festivais... Pedimos á Consellería que tome nota.
Somos todos actores e actrices no mesmo teatro. O noso público é común.
En 5 minutos é fácil facer as contas e descobrir que xestos favorecen o asentamento do noso sistema cultural e que xestos o carcomen. Que xestos nos fortalecen como sociedade e que xestos nos desmembran.
Querido público. Debemos mimar o público.
Dicía María Casares que “o público é o último actor do escenario. Sen o público, o feito teatral non existe”. Tampouco nós.
Querido público. Viva o Teatro!
Viva María Casares!
Viva o público!