Volver

Convocatoria de Asemblea extraordinaria

Ante a serie de acontecementos xurdidos con motivo das probas do Centro Dramático Galego para o acceso ao casting que daría paso á formación do elenco de Martes de Carnaval, e despois das diversas entrevistas que mantivo esta directiva cos responsables da Agadic e do CDG, cos seus correspondentes comunicados tanto aos socios como aos medios de comunicación, e vendo que a resposta ás nosas solicitudes ou esixencias non acaban de verse atendidas, polo menos dunha maneira satisfactoria, vémonos na obriga de convocar unha Asemblea Extraordinaria de todos os socios para o domingo día 5 de marzo ás 16:30 h. en primeira convocatoria e ás 17:00 h. en segunda.

Nesta asemblea teremos que decidir entre todos e todas os seguintes pasos a dar, xa que a directiva coida que estes movementos poden ser de vital importancia para a asociación e polo tanto non nos sentimos o suficientemente lexitimados para levar a cabo accións que poden comprometer dalgún xeito á nosa organización. É escusado dicir que solicitamos unha asistencia masiva tanto de actores e actrices como de directores e directoras de escena, pois todas as opinións nos parecen necesarias e imprescindibles.

Lembrade: domingo 5 de marzo ás 16:30 horas na sede da asociación (Rúa Salvadas, 2A. Local da SGAE en Santiago de Compostela mapa).