Volver

Os XXVIII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras

‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro, gaña sete dos nove galardóns aos que aspiraba: mellor espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico e iluminación.

‘O Auto do Castromil’, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG, acada dous premios (dirección e vestiario) e ‘Deadpan Karaoke’, de Ibuprofeno Teatro, gaña tamén en dúas categorías (maquillaxe e espazo sonoro). ‘Nanai da China’, de Pérez&Fernández, leva o premio ao mellor espectáculo de monicreques e ‘Crisálida’, de Caramuxo Teatro, faise co de mellor espectáculo infantil

O premio á dirección compárteno Quico Cadaval (‘O Auto do Castromil’) e Tito Asorey (‘Unha inimiga do pobo’), o de actriz protagonista foi para Marta Lado (‘Unha inmiga do pobo’), actor protagonista foi para Toni Salgado (‘Shakespeare en Roma’, do CDG), o de actriz secundaria acadouno María Roja (‘Entrega en Man’, de Contraproducións) e o de actor secundario levouno Toño Casais (‘Unha inimiga do pobo’)

Os XXVIII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. Un total de 19 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos 16 galardóns nos que se dividen os premios, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis. Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, converteuse na gran triunfadora da noite ao facerse con sete galardóns: espectáculo, actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), adaptación-tradución (Vanesa Sotelo e Tito Asorey), espazo escénico (Dani Trillo), iluminación (Laura Iturralde) e dirección, galardón que Tito Asorey compartiu con Quico Cadaval, director de O Auto de Castromil. Estoutra obra, de Producións Teatráis Excénctricas en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), fíxose con dous galardóns. Ademais do xa citado premio de dirección a Cadaval, acadou o de vestiario (Carlos Alonso).

Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro, impúxose nas dúas categorías ás que optaba: maquillaxe (Baia Fernández) e espazo sonoro (Mónica de Nut). Pola súa banda, Nanai da China, produción de Pérez&Fernández, acadou o María Casares ao mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, mentres que o premio ao mellor espectáculo infantil acabou nas mans da compañía Caramuxo Teatro pola súa obra Crisálida.

Toni Salgado alzouse co premio ao mellor actor protagonista polo seu traballo en Shakespeare en Roma, do Centro Dramático Galego. A compañía de teatro público acadou outro galardón na noite dos XXVIII Premios de Teatro María Casares: mellor dirección de movemento para María Torres e Gonçalo Guerreiro pola obra Un hotel de primeira sobre o río. Finalmente María Roja conquistou o galardón á mellor actriz secundaria polo seu papel en Entrega en man, de Contraproducións, mentres que Manuel Cortés se impuxo na categoría de texto orixinal pola obra Códice K, de Ainé.

En resumo, os/as gañadores/as divididos/as polos 9 espectáculos galardoados son:

  1. Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro (7 Premios): espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, espazo escénico e iluminación
  2. O Auto do Castromil, de Producións Teatrais Excénctricas en coprodución co CDG (2 premios): Dirección e vestiario
  3. Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro (2 premios): espazo sonoro e maquillaxe
  4. Nanai da China, de Pérez&Fernández (1 Premio): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
  5. Crisálida, de Caramuxo Teatro (1 premio): espectáculo infantil.
  6. Shakespeare en Roma, do CDG(1 premio): actor protagonista
  7. Entrega en man, de Contraproducións(1 premio):actriz secundaria
  8. Un hotel de primeira sobre o río, do CDG (1 premio): dirección de movemento
  9. Códice K, de Ainé (1 premio): texto orixinal

En resumo, gañadores/as por categoría:

MAQUILLAXE: Baia Fernández por Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro.

VESTIARIO: Carlos Alonso por O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG.

ILUMINACIÓN: Laura Iturralde por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro.

ESPAZO ESCÉNICO: Dani Trillo por Unha inimiga do pobo, de Talia Teatro

ESPAZ SONORO: Mónica de Nut por Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro

ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Vanesa Sotelo e Tito Asorey por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro

TEXTO ORIXINAL: Manuel Cortés por Códice K, de Ainé.

ACTOR PROTAGONISTA: Toni Salgado por Shakespare en Roma, do CDG.

ACTRIZ PROTAGONISTA: Marta Lado por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro

ACTRIZ SECUNDARIA: María Roja por Entrega en man, de Contraproducións

ACTOR SECUNDARIO: Toño Casais por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro

DIRECCIÓN: (Ex aequo) Tito Asorey, por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, e Quico Cadaval por O auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG.

DIRECCIÓN DE MOVEMENTO: Gonçalo Guerreiro e María Torres por Un hotel de primeira sobre o río, do CDG

ESPECTÁCULO: Unha inimiga do pobo,de Talía Teatro.

ESPECTÁCULO INFANTIL: Crisálida, de Caramuxo Teatro

ESPECTÁCULO DE MONICREQUES: Nanai da China, de Pérez&Fernández.

A GALA

A gala dos XXVIII Premios de Teatro María Casares converteuse nunha auténtica homenaxe ao teatro musical baixo a dirección de Sara Fandiño. A directora contou cun elenco conformado por sete intérpretes (Mario Lagoas, Alba Tojeiro, Verónica Peiteado, Rocío Salgado, Iván Márquez, Iván L. Estévez, Germán Prenta), ademais da colaboración dos patinadores Marta Fraga e Fabián Martínez. A propia Fandiño compuxo a música e a letra dos temas orixinais que se escoitaron ao longo da gala e Alexandro González asumiu a dirección musical. José Expósito Ortiz encargouse do espazo escénico, María Vázquez Mosteiro asinou o vestiario, e Dani Pais deseñou a iluminación.

Na cerimonia de entrega tiveron gran protagonismo as lendas do mar, o espírito atlántico e dous arquetipos fundamentais no imaxinario marítimo universal con gran amor polo canto: os piratas e as sereas. Así, o escenario do Teatro Rosalía converteuse nun barco pirata que celebrou as nosas artes escénicas nunha noite na que Vero Rilo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e María Barcala recolleu o Premio de Honra Marisa Soto.

DISCURSO XUNTA DIRECTIVA DA AAAG

A gala, que foi retransmitida por Youtube a través da canle dos Premios María Casares, contou co discurso de Arantza Villar, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Na súa intervención, Villar realizou un percorrido por diferentes cifras que definen a situación laboral da profesión artística. Neste sentido, tirou man do informe socioeconómico da AISGE para lembrar que o “77% da profesión da interpretación de todo o estado ingresa menos de 12000 euros anuais polo seu oficio” e que os ingresos dos actores masculinos supera nun “40% o das actrices”, subliñando así a persistencia da brecha de xénero. “Dende aquí, dende os escenarios, podemos pelexar contra a precariedade. Cómpre facelo dende o colectivo”, sinalou a presidenta da AAAG, antes de celebrar que o sector escénico e o audiovisual contan cun “tecido asociativo profesional sólido” e que “non hai máis forza que a unión”.

Villar destacou, ademais, que a finais de 2023 a AAAG, xunto a outras oito asociacións, asinou o Protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual e por razón de sexo e/ou xénero nos ámbitos das artes escénicas e musicais. Definiu este protocolo, que impulsou a asociación Escena Galega, como “pioneiro” e como unha “ferramenta fundamental” que axuda a que “resoe en todos os sectores da sociedade un lema: acabouse”. Neste discurso tamén houbo referencias a dous aniversarios: os 15 anos doutra “ferramenta esencial” para o sector, o Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia, e os 40 anos do Centro Dramático Galego, institución á que se lle esixiu incrementos no orzamento, na contratación, na produción e mais na duración das xiras.

O discurso da Xunta Directiva tamén incluíu mensaxes antibelicistas fronte á invasión en Gaza, mostras de apoio aos traballadores e as traballadoras da dobraxe que están a reclamar o cumprimento do seu convenio colectivo e críticas á CRTVG. “Reclamamos que o ente público sexa verdadeiramente transparente e transversal, alleo á manipulación. Solicitamos que se cumpra a Lei de Medios. Merecemos outra televisión”, rematou Villar.