Volver

A Asociación de Actores e Actrices concédelle o Premio de Honra Marisa Soto á actriz María Barcala

Con este galardón distínguese a longa e frutífera traxectoria dunha actriz cuxo traballo se engloba dentro da xeración que puxo en marcha a profesionalización da nosa escena. Pioneira e persistente, María Barcala é un referente para o tecido artístico e sectorial do teatro en Galicia

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelle á actriz María Barcala o Premio de Honra Marisa Soto, galardón co que a profesión teatral distingue o labor de persoas ou de institucións a prol do noso sector escénico. Deste xeito, Barcala únese a unha longa lista de homenaxeadas con este trofeo que inclúe, entre outros nomes, a Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, a Sala Nasa, Flor Maceiras, Lino Braxe, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ou Cloti Vaello, quen recibiu esta distinción o ano pasado. O Premio Marisa Soto entrégase durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

A Xunta Directiva da AAAG decide así premiar a dilatada traxectoria de María Barcala, cuxo traballo se enmarca na xeración que impulsou o proceso de profesionalización do teatro en Galicia. Ao longo de catro décadas de carreira, Barcala converteuse en referente para o sector, tanto dende o punto de vista de interpretación coma de impulso de proxectos de longo percorrido. É o caso da compañía Teatro do Atlántico, fundada por Barcala e Xúlio Lago a mediados dos anos oitenta. A actriz homenaxeada abriu camiños dende múltiples facetas para que foran transitados polas seguintes xeracións teatrais. Sen María Barcala, a nosa escena non sería. E de ser, sería outra diferente. Porque María Barcala é, sinxelamente, teatro.

Perfil biográfico

María Barcala (Vila de Cruces, 1957) é unha das actrices de maior percorrido da nosa escena. En 1979, só un ano despois de que se estreara o primeiro espectáculo profesional do teatro galego, converteuse nunha das socias fundadoras da compañía Teatro da Mari-Gaila. Con esta histórica formación, desaparecida en 1984, María Barcala traballou en montaxes como O Agnus Dei dunha nai (1980), escrita por Dorotea Bárcena e dirixida por Xúlio Lago; Acto Cultural (1982) ou A noite das Tríbades (1983), ambas as dúas dirixidas tamén por Lago.

María Barcala formou parte do elenco da produción inaugural do Centro Dramático Galego (CDG): o Woyzeck, de Büchner, estreada o 23 de agosto de 1984 no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Coa institución de teatro público, Barcala traballou nos elencos doutras oito montaxes: A noite vai coma un río (1986), Como en Irlanda (1996), Lisístrata, ou de cando as mulleres reviraron (1997); O peregrino errante que cansou o demo (1997), O Bufón de El Rei (1997), Memoria de Antígona (1998), Rosalía (2001) e Seis personaxes á procura de autor (2005).

No CDG tamén exerceu outras facetas escénicas, vencelladas á area de dirección. Neste senso, cómpre sinalar a axudantía de dirección en obras como A fiestra valdeira ou, máis recentemente, a codirección da versión de Xulio César dentro da produción global de Shakespeare en Roma (2023). Xusto un ano despois da creación do CDG, Barcala deulle inicio a outro proxecto histórico do noso teatro que continúa na actualidade: Teatro do Atlántico. Con esta compañía, cofundada e codirixida co xa amentado Lago, desenvolveu ao longo dos anos, ademais do seu labor como actriz, traballos noutras parcelas creativas así como de xestión empresarial.

Ao longo de máis de catro décadas de traxectoria, Barcala, que conta no seu haber co Premio de Interpretación Maruxa Villanueva por O principio de Arquímedes (2015) ou o Premio Compostela á mellor interpretación feminina por Clitemnestra ou o crime (1991), contribuíu a incorporar ao teatro en lingua galega unha galería de grandes personaxes femininas, protagonistas brillantes desde a perspectiva escénica e con complexas biografías. Entre estes papeis pódense citar a Marly, a prostituta d’A marabillosa historia de Marly, a vampira de Vila de Cruces (1986); a Nora, de Casa de bonecas (1995), quen, dando unha portada, abandona o seu marido e marcha na procura dun espazo no que ser tratada e querida como persoa, non como boneca decorativa; ou a Geesche, de Liberdade bremana (1989), que se rebela contra os malos tratos a que é sometida polos seus sucesivos maridos, e elimínaos sen permitirse ningún tipo de sentimento de culpa.

Neste liña, tamén podemos incluír a María, de Memoria de Helena e María (2010), unha ancián que, ao final da súa vida, mantén un diálogo imposíbel coa súa nai, asasinada tan nova no inicio da Guerra Civil; a Mauren, de A raíña da beleza de Leenane (2006), obrigada a vivir no cárcere no que ás veces se converte a casa materna; Irene, a protagonista feminina de A charca inútil (2017), aquela muller que perdeu o fillo nos atentados de Atocha, ou a protagonista de Helena, Xuízo a unha lurpia (2016), que toma a palabra para denunciar as guerras e a utilización da muller como moeda de cambio dos intereses masculinos. En dúas ocasións deulle vida a Rosalía de Castro. No espectáculo Rosalía, versión do texto de Pedrayo dirixida por Roberto Vidal Bolaño para o CDG, e, recentemente, no espectáculo Libre coma os paxaros (2021) de Teatro do Atlántico.