Volver

Sara Fandiño dirixirá a gala duns XXVIII Premios María Casares que homenaxearán o teatro musical

A gala conta cun elenco conformado por Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván López Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado. A directora da gala e Alexandro González encárganse das composicións musicais

Sara Fandiño (A Coruña, 1989) dirixirá a gala dos XXVIII Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o vindeiro xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Unha gala que procurará homenaxear o teatro musical. Fandiño, que asinará xunto a Alexandro González as composicións, contará cun elenco conformado por sete intérpretes: Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván L. Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado. Deste xeito, Sara Fandiño unirase este 2024 a unha nómina de profesionais e compañías que nos últimos anos se encargaron de dirixir a gala dos María Casares e na que se inclúen nomes tan destacados da escena como son Talía Teatro, Chévere, Paula Carballeira e Chiqui Pereira, Carlos Álvarez-Ossorio ou Marcos Ptt, quen se encargou na edición de 2023.

Sara Fandiño sinala que a gala será un tributo ao teatro musical, “tanto ao internacional como o que nos é máis próximo”. Ao tempo, adianta que ao longo do espectáculo que acompañará a entrega dos María Casares haberá “referencias directas” a escenas ben recoñecibles deste xénero e que forman parte xa do “imaxinario colectivo”. Para levar a cabo a gala, a directora conta cun elenco experimentado no teatro musical.

Sara Fandiño naceu na Coruña en 1989, está titulada en Arte Dramática pola Real Escuela Superior de Arte Dramática de Madrid, licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e conta coa titulación oficial de técnico nacional de Ximnasia Rítmica outorgada pola Federación Española. Dirixe a Escola Galega de Teatro Musical, un proxecto escénico nacido na Coruña en 2019 que combina a vertente de compañía de teatro musical e centro de formación. Así, distribúe como compañía profesional espectáculos do xénero como O candil, crea montaxes como compañía amadora e ofrece cursos continuados ao longo do ano para fomentar novos talentos.

19 espectáculos finalistas

O espectáculo Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, acadou nove finalistas (espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, vestiario, maquillaxe, espazo escénico e iluminación), mentres que Hamelin, de Redrum Teatro, logrou seis (espectáculo, dirección, actor protagonista, actor secundario por partida dupla e iluminación).

Dúas obras do Centro Dramático Galego acadan cinco finalistas: Shakespeare en Roma (actor protagonista, actriz protagonista por partida dupla, vestiario e adaptación-tradución) e Un hotel de primeira sobre o río (actriz secundaria por partida dupla, dirección de movemento, vestiario e espazo escénico). O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, tamén se sitúa con cinco (espectáculo, dirección, actor protagonista, vestiario e espazo sonoro)

Entrega en man, de Contraproducións, aspira a tres galardóns (adaptación-tradución, maquillaxe e actriz secundaria) mentres que por dous compiten as pezas Crisálida, de Caramuxo Teatro (espazo escénico e espectáculo infantil); Vox populi, de Malasombra (iluminación e espazo sonoro) e Deadpan Karaoke (maquillaxe e espazo sonoro).

Cun finalista atópanse outros dez espectáculos, tres deles optan ao mellor texto orixinal: Códice K, de Ainé; A nai, de Amorodio Teatro, e Mosca, de Ártika Cía. Outras tres aspiran ao galardón de monicreques, obxectos e figuras animadas: A teteira de Kabul, de Xarope Tulú; Coliño, de A Xanela do Maxín, e Nanai da China, de Pérez&Fernández.

Pola súa banda, Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos, e Backstage, de NegroLópez, son finalistas no apartado de espectáculo infantil, mentres que Frida, de A Cova das Letras, e Insubmisa, de Antagonista Teatro optan ao premio á mellor dirección de movemento.

Estes 19 espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 21 de marzo. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.

FOTO: Daniel López Marín