O pasado 14 de novembro presentouse oficialmente o Protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual, por razón de sexo e por razón de xénero nas artes escénicas e musicais. A AAAG, xunto a Escena Galega -que promoveu a iniciativa e conduciu o proceso de elaboración-, a Asociación Profesional de Circo de Galicia, Músicas ao vivo, PAM-Asociación Profesionais das Artes do Movemento de Galicia, AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Tesgal (Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo) e AGATEC (Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia); subscribe este protocolo ao consideralo un avance incuestionable no ámbito da igualdade.
Como asociación sindical, a AAAG non pode máis que celebrar o exemplo de unidade sectorial amosado á hora de dotar tanto ao persoal traballador como ás empresas dunha ferramenta que nos arma de forma colectiva fronte condutas inaceptables e que, ao tempo, achega mecanismos de prevención para garantirnos un espazo seguro no que as traballadoras poidamos desenvolver a nosa actividade laboral.
Contar cun protocolo específico para o noso sector é un avance imprescindible. Este protocolo, ademais, chega coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e avalado polas principais entidades representativas dos sectores das artes escénicas e da música. Aproveitamos a ocasión para lembrar que toda empresa, independentemente da natureza da súa actividade, está obrigada a dispoñer dun protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual, o acoso por razón de sexo e outras condutas contrarias á liberdade sexual e á integridade moral no ámbito laboral. A Asociación, ademais, conta con asesoramento legal á disposición do seu corpo asociativo.
Na nosa páxina web, atoparás o texto íntegro deste protocolo.