Volver

O CDG producirá en galego a Valle-Inclán en 2017

O CDG anuncia a súa programación dos próximos meses. Estreará o 31 de marzo unha produción que aglutinará dúas pezas de Valle-Inclán: 'As galas do defunto', dirixida por Tito Asorey, e 'A filla do capitán', dirixida por Marta Pazos. A AAAG coordinará xunto ao CDG a actividade formativa que ofrecerá a institución o vindeiro curso.

O Centro Dramático Galego (CDG) traerá a Valle-Inclán ao galego o vindeiro ano ao estrear como produción propia o próximo 31 de marzo dúas pezas da triloxía Martes de Carnaval do creador do esperpento: As galas do defunto e A filla do capitán. Así o anunciou a directora do CDG, Fefa Noia, nunha rolda de prensa na que deu conta da programación da entidade até o outubro de 2017 e na que estivo acompañada polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil. “O CDG dedica a súa produción a Valle-Inclán, poderemos ver por fin a Valle-Inclán en galego e para a ocasión escollimos dous textos da triloxía de Martes de Carnaval”, sinalou Noia na súa intervención antes de desvelar que a tradución das obras recaerá en Manuel Cortés e que a dirección deste esectáculo dobre correrá a cargo de Tito Asorey, no caso d'As galas do defunto, e de Marta Pazos, no d'A filla do capitán.

Deste xeito, o CDG adaptará ao galego a Valle-Inclán o ano en que a súa obra queda liberada e salda así unha débeda histórica, xa que até o de agora os herdeiros do escritor negaron calquera posibilidade de traducir o dramaturgo á nosa lingua. A estrea desta produción que adapta estas dúas pezas terá lugar o próximo 31 de marzo no Salón Teatro, que acollerá funcións entre o 1 e o 23 de abril, antes de que xire por Galicia entre o 24 de abril e o 6 de xullo. Noia sinalou que a escolla destes dous textos respondeu a un proceso de escolla que desenvolveu o CDG xunto aos dous directores. “Dous directores que non son novos para a escena do país, pero que si se estrean como directores de produción no CDG”, sinalou Noia.

Catro coporducións

O CDG coproducirá ao longo da próxima temporada catro montaxes. A primeira delas será Conto de Inverno, de Wiliam Shakespeare. A obra estará dirixida por Marcos Barbosa e o elenco estará formado por intérpretes tanto galegos coma portugueses. Deste xeito, producirase unha “convivencia cultural” da que forman parte Ivo Alexandre, Carolina Amaral, Xosé Barato, Marcos Barbosa, Santi Cuquejo, Anabela Faustino, Alheli Guerrero e Marta Pazos. O CDG produce a montaxe xunto a Teatro Oficina CCVG de Guimaraes, Teatro Aveirense e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. As funcións no Salón Teatro serán do 12 ao 15 de xaneiro.

Vida e morte de Daniel Faria, de Pablo Fidalgo, estará coproducida xunto ao Teatro Municipal de Porto e o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa. A estrea será en Lisboa o 19 de xaneiro e chegará ao Salón Teatro entre o 25 e o 29 de xaneiro.

O CDG coproducirá xunto A Panadaría Elisa e Marcela, montaxe escrita por Gena Baamonde, Esther F. Carrodeguas e a propia compañía e na que se retrata a historia destas dúas mulleres que casaron en 1901 na ingrexa de San Xurxo na Coruña. A obra, protagonizada por Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro, poderase ver no Salón Teatro entre os días 26 e 29 de setembro.

Ademais, o CDG porá o foco na figura de Carlos Casares, autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2017, a través dunha lectura dramatizada da novela Os mortos daquel verán, coproducida por Talía Teatro e a Fundación Carlos Casares. Esta "aproximación teatral", tal e como a definiu Noia, será o 16 de maio e o 17 de maio.

Residencias, formación e publicacións

O CDG realizará ao longo do ano un conxunto de residencias: Salvador, de Borja Fernández; Política de terra queimada, de Santa Nómina e ESAD de Galicia; Desconexión, de Santiago Cortegoso, e Tropical, de Elefante Elegante; ademais da xa citada Elisa e Marcela.

Por outra banda, retómase a actividade de formación que o CDG desempeñou durante os seus inicios. A institución coordinará a súa actividade formativa coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) para que, segunda as palabras da propia Noia, os cursos e obradoiros respondan así as necesidades e inquedanzas do sector.

Outra iniciativa que o CDG retomará nesta temporada será a serie de publicacións de textos dramáticos. Deste xeito, baixo o nome O papel do teatro e en colaboración con Edicións Positivas, editaránse o volume do Tartufo, última produción da institución. Ademais, levarase a cabo outro volume dedicado ao Proxecto Nós.

Escenario multidisciplinar

Desde o Salón Teatro, o CDG seguirá traballando para o encontro co público e como escenario multidisciplinar para a exhibición preferente dos espectáculos producidos en Galicia e para a proxección dos seus creadores. A intensa e variada carteleira que se vén ofrecendo desde o número 34 da compostelá rúa Nova continuará ao longo de 2017 cunha programación aberta ao teatro, á danza, ao audiovisual e á música, e na que todo os proxectos directos do Centro Dramático Galego terán presenza.

No que atinxe á programación externa, neste mesmo mes de decembro en curso, o Salón Teatro acollerá a montaxe Illa/Ollo, de Nasdrovia Teatro (días 16 e 17) e o concerto Cantos de poeta polo grupo Gelria (día 27); e desenvolverá o novo ciclo infantil Gran teatro para os máis pequenos, que combinará obradoiros especialmente pensados para os nenos e nenas coas funcións a cargo de Berrobambán (con Xurdefet, os días 22 e 23), Pérez & Fernández (con O poder de Amabel, os días 29 e 30) e Elefante Elegante (con A danza da choiva, o 7 e 8 de xaneiro).

O calendario de representacións continuará durante todo o ano coas últimas propostas de compañías como Talía Teatro, ilMaquinario, Teatro do Atlántico, Aporía Teatro, Teatro en Punto (que abrirá a nova sección Teatro Ob-sceno), Diego Anido ou Avento Producións. Ademais, o Salón Teatro prestarase a ser sede de eventos como o festival ‘Escenas do Cambio’ da Cidade da Cultura de Galicia, o XXIII Festival Internacional de Teatro Universitario, a Mostra de Teatro Universitario de Galicia, a Mostra de Cinema Etnográfico ou o mercado Galicia Escena PRO, que organizará a Agadic do 12 ao 15 de xuño de 2017.

PODES CONSULTAR AQUÍ O DOSIER DO CDG COMPLETO