Volver

Comunicado das asociacións do sector audiovisual galego

Os días 9 e 10 de novembro de 2023, no marco do I Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA celebrada na Cidade das TIC da Coruña, tivo lugar unha xuntanza na que participamos representantes das asociacións do sector audiovisual galego

No transcurso da mesma puxemos en común as seguintes reflexións sobre a situación actual do sector:

- Destacamos o gran nivel no que se atopa a produción audiovisual realizada por profesionais e empresas galegas, tanto no eido creativo como técnico, que transcende as fronteiras de Galicia e do estado, acadando recoñecemento internacional.

- As asociacións recoñecemos a aposta da Xunta de Galicia pola consolidación do sector nos ámbitos industrial e creativo, a través das liñas de axuda que veñen apoiando proxectos diversos ao longo das últimas décadas. Non obstante, as cotas de relevancia e impacto socioeconómico que teñen acadado as producións galegas, xustifican un incremento sostido das partidas destinadas á produción, desenvolvemento de proxectos e promoción do talento nos orzamentos da Xunta, así como as medidas necesarias para facilitar os procedementos de solicitude e xustificación destas axudas.

- Instamos á Xunta a apoiar de forma decidida ás iniciativas de exhibición, entre as que destacan os festivais audiovisuais, con achegas acordes ao seu impacto na difusión da cultura audiovisual e a creación de públicos.

- Tamén a impulsar de xeito decidido a preservación do noso patrimonio audiovisual a través da dotación de recursos económicos, técnicos e humanos á Filmoteca de Galicia que, se ben realiza traballos de difusión que valoramos positivamente, non presta a atención necesaria á misión para a que tamén foi creada: a recuperación, catalogación e custodia do patrimonio audiovisual galego.

- Por outra banda as asociacións convidamos á TVG a seguir xogando un papel decisivo no crecemento do noso tecido profesional a través da aposta por proxectos de ficción propia, así como en modelos de coprodución, destinando os recursos económicos precisos e atendendo á procura da excelencia, sen esquecer cuestións como a responsabilidade da televisión pública na promoción da lingua galega, a atención á creación de novos públicos e o coidado no cumprimento da lexislación.

- As asociacións consideramos fundamental manter unha interlocución constante co tecido educativo no eido da formación audiovisual, a través do impulso de iniciativas que favorezan o contacto entre as asociacións sectoriais e as escolas ou facultades de audiovisual. Entendemos así mesmo que é preciso incorporar aos programas educativos de primaria e secundaria a formación audiovisual.

- As asociacións queremos comprometernos a constituír mesas de traballo para mellorar as relacións laborais e impulsar un Protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual e por razón de sexo/xénero no audiovisual.

- O noso compromiso estendese ao deseño e implantación de campañas que favorezan a difusión e o emprego da lingua galega, tanto nos procesos internos do sector como a través da nosa capacidade de chegar ao público coas nosas obras.

- Finalizamos a xuntanza co acordo de constitución da Mesa do Audiovisual Galego, un órgano que se reunirá periodicamente para compartir reflexións e inquedanzas comúns. A Mesa contará con representantes da Academia Galega do Audiovisual; a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG); a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG); a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); o Clúster Audiovisual Galego; a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA).