Un espectáculo musical inspirado do burlesque e nas feiras ambulantes dos anos 30. Esta foi a temática escollida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) para celebrar a gala de entrega dos XIV Premios de Teatro María Casares que terá lugar mañá, mércores, 24 de marzo no Teatro Rosalía Castro de A Coruña, a partir das 20.30 horas. Así o facía público o presidente da AAAG, Vicente Montoto, esta mañá na rolda de prensa de presentación da gala que tivo lugar no Concello da Coruña, ambas entidades organizadoras do evento. Montoto estivo acompañado no acto pola concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, e polo director da gala, José Díaz, da compañía de teatro Voadora. A música e a estética levarán o peso central dun espectáculo definido polos seus responsables como “enerxético, sen complexos, cunha mistura de disciplinas e dos distintos oficios das artes escénicas: músicos, actores, titiriteiros, cantantes, bailaríns ...”, explicaba José Díaz. O presidente da AAAG, pola súa banda, lembrou a especial relevancia da celebración desta edición en que se cumpren 25 anos da constitución da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Precisamente por este motivo, Montoto lembraba a concesión do Premio de Honra Marisa Soto a Gonzalo Uriarte, ao que se lle recoñece “non só a súa longa traxectoria profesional senón o seu traballo como primeiro presidente da AAAG, 1985, e o daqueles que traballaron para poñer en marcha este proxecto”, explicou Montoto. A música e a estética levarán o peso central da gala desbancando da liña argumental á crise, o momento da industria, o cambio político e os guiños ao sector, que chegado o momento terán as súas alusións breves e certeiras. O politicamente incorrecto disporá do seu lugar pero o apolítico acabará gañando. Jose Díaz e Marta Pazos, da compañía Voadora dirixen un texto irónico de Manolo Cortés, coa dirección artística de Curru Garabal (directora artística da longametraxe Gordos de Sánchez Arévalo) e con Raquel Fidalgo (nominada aos Goya por Celda 211) maquillando aos intérpretes. Hugo Torres será o mestre de cerimonias, acompañado dos “Augustos” (Natalia Outeiro “Pajarito” e Sergio Zearreta) e dun corpo de baile a cargo de Raquel Oitavén e Uxía P. Vaello e coas músicas interpretadas por Suso Alonso, Pepe Sendón, Xabier Mera e Alfonso Calvo. Completan o elenco os aéreos de Sue Moreno, Roberto Leal e O Retrete de Dorian Gray (Marcos Ptt e Ezra Moreno) Traxectoria de Voadora Radicada en Santiago de Compostela, Voadora xurde no verán de 2007 dunha parte da necesidade de crear un espazo móbil de pesquisa de novos sentidos e linguaxes para a escena e, por outra, da vontade de potenciar a creación artística e o intercambio cultural. O equipo, constituído por Hugo Torres, Jose Díaz e Marta Pazos, está formado por mozos creadores de diferentes disciplinas artísticas e traballa na xestación de proxectos escénicos baseados na experimentación, o xogo e a busca de novas linguaxes. A súa próxima estrea será a coprodución co CDG: Super 8, os días 9, 10 e 11 de abril no Salón Teatro de Compostela
Un espectáculo musical inspirado no burlesque conducirá a entrega dos XIV Premios de Teatro María Casares que terá lugar mañá na Coruña
O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Vicente Montoto, e a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, presentaron esta mañá a cerimonia do mércores acompañados do director da gala, José Díaz O teatro Rosalía Castro acollerá a gran festa do teatro galego na que se dará a coñecer os premiados nas trece categorías a concurso.