Volver

Aprobado o Real Decreto que regula la relación laboral de artistas, técnicos e persoal auxiliar en espectáculos públicos

O Real Decreto aprobado hoxe polo Consello de Ministros adecúa o actual marco laboral á realidade de estudios, salas de concerto e teatros.

CCOO, UXT, UAA e CONARTE lamentamos que non regule o uso da intelixencia artificial xenerativa e seguiremos traballando para conseguir modelos de protección claros e transparentes.

O Consello de Ministros deu hoxe luz verde, de xeito definitivo, ao Real Decreto que regula a relación laboral das persoas artistas e do persoal técnico e auxiliar do sector das artes escénicas, audiovisuais e musicais.

Este texto substitúe o RD 1435/1985 do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral especial dos artistas en espectáculos públicos que pasou a denominarse Real Decreto polo que se regula a relación laboral especial das persoas artistas que desenvolven a súa actividade nas artes escénicas, audiovisuais e musicais, así como das persoas que realizan actividades técnicas ou auxiliares necesarias para o desenvolvemento da devandita actividade pola modificación introducida polo RD 5/2022.

Desde os sindicatos CCOO, UXT, UAA e CONARTE aplaudimos a entrada en vigor desta norma, que despois de 40 anos, permitirá adecuar o actual marco laboral á realidade de estudios, salas de concerto e teatros.

O Consello de Ministros, da man do Ministerio de Traballo, deu un paso crave para quen saca adiante o sector artístico neste país.

Esta norma recoñece dereitos que os sindicatos levamos negociando e pelexando nos convenios colectivos desde hai anos e que, a través do coñecido como ‘Estatuto do Artista’, pasan a ser de aplicación para todas as persoas traballadoras do sector.

Entre outras, as medidas aprobadas garanten:

1. Unha regulación do traballo de menores, igual para todo o país, onde prima o interese do menor sobre calquera outro interese.

2. O recoñecemento de que para realizar unha obra artística é necesario un traballo previo, de posproducción e de promoción, por parte do equipo artístico. E, sobre todo, que ese traballo debe ser remunerado.

3. Que o tempo de traballo debe estar planificado: con antelación e de xeito informado.

4. Que a intermitencia non só é temporalidade e que as xiras e desprazamentos son parte natural do traballo artístico.

5. Que nos parques temáticos e de atraccións tamén traballan artistas.

6. Que a igualdade de dereitos e a intermitencia poden ir da man.

7. Que cando o corpo e a intimidade vense afectados durante un traballo debe haber unha especial atención.

8. Que existirán protocolos anti acoso e plans de igualdade específicos e adaptados á realidade do sector.

9. Que todas as persoas traballadoras do sector teñen dereito a festivos e vacacións.

Este Real Decreto leva máis dun ano sendo negociado, co apoio constante das nosas afiliacións, co obxectivo de mellorar o sector e dar garantías ante un mercado cada vez máis esixente e internacionalizado.

Desde a parte social consideramos que o grao de éxito conseguido é altísimo, pero sentimos que, por unha cuestión formal, non poidamos celebrar tamén a existencia de límites para o uso da intelixencia artificial xenerativa. Esta tecnoloxía pon ao sector cultural ante un risco existencial, pero, sobre todo, sitúa ás persoas traballadoras nunha posición claramente vulnerable e por iso desde o sector defendemos a necesidade de límites claros. Perdemos unha oportunidade e isto deixa en mans da negociación individual calquera cuestión sobre os usos da intelixencia artificial xenerativa.

A pesar de iso, os sindicatos imos seguir traballando para conseguir límites a estas tecnoloxías coas ferramentas dispoñibles. A lei da selva non é unha opción e para evitala seguiremos defendendo modelos de protección claros e transparentes.