O teatro galego celebrou onte á noite a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.
A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, redondeou a súa noite cos premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo). Tromsø, de Morraoconto, acada dous premios, Mellor Espazo Escénico (Rafa R. Martínez, Miguel Gendre, Lara Pouro e José Faro) e Mellor Iluminación (José Faro) os mesmos que Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú, Mellor Espectáculo Infantil e Mellor Adaptación/Tradución (Paula Carballeira) e A serie Clopen do Centro Dramático Galego, Mellor Actroiz protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada.
Listaxe de candidaturas premiadas
A voz do sector: reivindicación desde o inicio
A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, abriu a gala tomando a palabra en nome da Xunta Directiva para facer balance destes trinta anos de premios e tender a mirada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero advertiu dunha preocupación central: "Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar XA para reverter a situación de hexemonía do castelán".
A presidenta tamén chamou a atención sobre a relación do sector coas institucións, reclamando un acompañamento real e non meramente simbólico. Fórneas advertiu da instrumentalización do traballo das profesionais nos medios públicos e pediu mesura e respecto: "Precisamos que estean con nós, que nos acompañen, sí, mesmo que se fotografíen con nós, pero con decoro, con medida". Fórneas lembrou ademais que a función pública ten obrigas co sector e non fai ningún favor: "non nos agasallan con nada".
Fórneas rematou o seu discurso cun chamamento á resistencia colectiva fronte ao auxe da ultradereita e os discursos de odio: "Temos o deber de afirmar rotundamente que non daremos un paso atrás nos dereitos acadados", e apoiouse nas palabras do director e dramaturgo Oskar Eustis para lembrar o papel esencial do teatro: "unha arte que exercita o músculo da empatía posiblemente coma ningunha outra".
Unha gala entre a verbena e o poema: festexar a Manuel Lourenzo.
Unha gala entre a verbena e o poema: festexar a Manuel Lourenzo
Baixo a dirección de Gloria Rico, a gala tivo como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego finado o pasado verán e Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997. O espectáculo fuxiu da melancolía para converterse nunha celebración de marcada simboloxía: un escenario coroado por unha esfera, o azul do Valadouro e as doas tradicionais integradas nunha estética de festa popular.
A velada arrincou co acordeón de Sabela Dacal e unha vibrante cumbia coa que o elenco —Arantza Villar, Carlos Mosquera "Mos", María Barcala e Roberto Leal— entrou dende o patio de butacas. O xogo escénico alternou momentos de humor, como o brinde inicial con latas de cervexa, con pasaxes de alta carga poética, como a lectura multilingüe de textos de Lourenzo en galego e francés ou o emocionante poema homenaxe recitado baixo o foco dun canón no centro do escenario. Un dos momentos máis sobrecolledores foi o In Memoriam, onde a música de "Oxalá estiveras aquí" acompañou o recordo dos compañeiros finados en 2025.
Reivindicación e compromiso: o teatro como "chave"
Un dos momentos máis solemnes foi a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2026, escrito polo activista e docente Carlos Callón. No seu texto, Callón percorreu a historia de persecución da nosa lingua nos escenarios para reivindicar o teatro como unha "chave decisiva" para revitalizar o idioma hoxe en día. O autor fixo un chamamento a pasar da "caricatura ao suxeito" e pechou a súa proclama cun unánime "Viva o Teatro Galego!".
A AAAG entregou o seu recoñecemento especial, o Premio de Honra Marisa Soto, á actriz e activista Luma Gómez.
O acto contou coa presenza de autoridades como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o subdelegado do Goberno, Julio Abalde; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, entre outros representantes institucionais