Rebeca Losada asina o cartel da 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confiou este ano na ilustradora e deseñadora luguesa para crear a imaxe dos María Casares, dándolle así continuidade á iniciativa principiada en 2017 de encargar o deseño dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e mais o ámbito da ilustración, da banda deseñada e mais do deseño gráfico. En convocatorias anteriores deseñaron o cartel dos galardóns Andrea López, David Rubín, Xulia Vicente, Leo Sousa, Sonia García, Paula Mayor ou Aldara Prado.
Rebeca Losada (Lugo, 1982) é ilustradora e deseñadora. A súa obra distínguese por unha narrativa sinxela pero directa e unha paleta de cores vibrante e alegre. Centra a súa actividade no mundo editorial, en publicidade e no mundo téxtil pero sobre todo no eido musical. Destacan os seus traballos como cartelista para diversos festivais e eventos musicais ou artistas como Xoel López, Love of Lesbian ou Rozalén.
Festa de Finalistas
Os espectáculos e profesionais finalistas da 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer o vindeiro mércores, 4 de marzo, durante a tradicional Festa de Finalistas que este ano volverá celebrarase en Santiago, na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. A actriz Chus Álvarez encargarase de conducir o evento.
Un total de 45 espectáculos e preto de 400 profesionais concorren aos 30º Premios de Teatro María Casares. As candidaturas finalistas decídense a través dun sistema de votación aberto a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Ademais do corpo asociativo da AAAG, poden votar cada ano responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores.
A gala de entrega terá lugar o mércores 8 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os Premios María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa posta en marcha en 1997 e conta cada ano coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE ou Gadisa.