Volver

Rexeitada a ILP "Liberemos a galega" cos votos a favor de BNG e PSOE e en contra do PP

Etiquetas:

Onte, 9 de setembro, tivo lugar no Parlamento de Galicia a toma en consideración debate da ILP. Unha Iniciativa Lexislativa Popular que chegou á cámara apoiada por 24.000 sinaturas e que recolle o clamor da sociedade galega por unha radio e televisión públicas, “ao servizo do pobo, ao servizo do país, ao servizo de Galiza e da súa cidadanía”.

A recoñecida xornalista Tereixa Navaza, foi encargada de defender a ILP en representación da comisión promotora. Navaza incidiu en que detrás desta ILP está “unha sociedade que reclama o seu dereito a unha información veraz”. Nese sentido, a xornalista denunciou que lonxe de cumprir os medios públicos a súa misión de informar sen inxerencias durante a vaga de lunes “unha vez máis a CSAG (antes CRTVG) abandonou ao pobo galego e traizoou a súa misión de servizo público”.

A ILP demanda que se garanta nos nosos medios o “respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais”. Mais tamén que se recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social, nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento, garantindo o dereito de acceso, seguindo criterios obxectivos de representación e implantación social, sen que poida excluírse ningún grupo social e co máximo respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega.

PSOE e BNG manifestaron o seu apoio á ILP mentres que o PP anunciou o seu voto en contra e abandonou en masa a cámara de representantes do pobo galego, na que non quedou nin un só membro do goberno e tan só 14 das súas deputadas e deputados.

Centos de persoas concentráronse no exterior do Pazo do Hórreo para reclamar “liberar os nosos medios públicos do secuestro no que os mantén, desde hai xa demasiados anos, o goberno da Xunta, en mans do Partido Popular”.