Este apoio masivo da cidadanía permitirá debater, nas vindeiras semanas, unha proposta lexislativa para transformar a Compañía de Radio Televisión de Galiza (CRTVG), como explicou Tereixa Navaza, que actuou como portavoz, “nun servizo público verdadeiramente democrático, plural e ao servizo do pobo, liberándoa do "secuestro" que, segundo as promotoras, exerce o Goberno galego do Partido Popular”.
Unha CRTVG secuestrada polo poder político As preto de 40 organizacións impulsoras denuncian que a actual dirección da CRTVG actúa ao servizo dos intereses do PP, antepoñendo os obxectivos políticos da forza gobernante aos valores éticos e democráticos que deben guiar un medio público. Esta situación compromete, segundo Navaza, “a independencia, a veracidade e o pluralismo informativo, perpetuando a manipulación, a cancelación de contidos e profesionais, e a desconexión coa realidade social, cultural e económica de Galiza”.
Obxectivos da ILP Liberemos a Galega
A proposta lexislativa busca democratizar a CRTVG para que cumpra as súas misións como servizo público esencial, entre elas: difundir a cultura e a lingua galega, garantir a independencia e veracidade da información, promover o pluralismo, a cohesión social e territorial, os dereitos fundamentais, as liberdades públicas e a calidade democrática. En concreto, as organizacións defensoras da ILP apostan por unha radiotelevisión pública que:
· Garanta obxectividade, imparcialidade, neutralidade, veracidade e pluralismo, erradicando manipulacións e exclusións.
· Reflicta a realidade social, laboral, económica e cultural de Galiza, asegurando o dereito de acceso de todos os grupos sociais con criterios obxectivos e máximo respecto á diversidade.
· Recupere a cobertura territorial e as desconexións locais para informar sobre a realidade de cada contorna.
· Promovía a identidade galega, a lingua e a cultura, apoiando a produción editorial, teatral, musical e audiovisual do país.
· Fomente a igualdade, a non discriminación, a diversidade sexual e a perspectiva de xénero, utilizando unha linguaxe non sexista.
· Priorice a programación infantil e xuvenil, fortalecendo a lingua e a cultura galega e o papel educativo e socializador da CRTVG.
· Dispoña de recursos humanos, orzamentarios e materiais suficientes para operar con autonomía.
· Impulse a produción audiovisual independente con transparencia, evitando a concentración en poucos provedores
Un chamamento ao debate parlamentario
En nome das organizacións promotoras, a portavoz agradeceu o compromiso das case 25.000 persoas asinantes e celebran a toma de conciencia cidadá que fixo posible esta ILP. Agora, defenderán a proposta no Parlamento de Galiza, onde se decidirá o modelo de medios públicos que o país necesita. A ILP "Liberemos a Galega" aposta por unha CRTVG ao servizo do pobo, garantindo un servizo público de calidade, plural e comprometido coas necesidades democráticas, sociais e culturais de Galiza.