Volver

Falece Manuel Lourenzo, figura clave das Artes Escénicas e a Literatura galega

Manuel Lourenzo (Ferreira de Valadouro, 1943-A Coruña 2025) foi un dos grandes referentes das artes escénicas pola súa ampla produción como dramaturgo, polo seu recoñecido traballo na dirección e interpretación e por ser impulsor de grandes iniciativas culturais a prol do teatro.

As actrices e os actores temos sentimento de orfandade.

Para nós, a familia do teatro, Manolo foi, é e será unha das persoas máis necesarias da nosa historia. A casa que hoxe habitamos ergueuse grazas ao traballo que el desenvolveu durante toda a súa vida, poñendo os cimentos e agasallándonos co continente e tamén co contido.

A Manuel Lourenzo debémoslle a gratitude de ser clave no nacemento do teatro profesional e independente do noso país, abrindo e sinalando o camiño para todas as que viñemos despois.

A Manolo debémoslle tamén que nos achegase obras do repertorio universal á nosa lingua. As súas traducións dos grandes clásicos, de autores contemporáneos e os seus ensaios, son ferramentas imprescindibles para o estudo e a creación nas artes escénicas en galego.

Imprescindibles son tamén os centos de pezas dramáticas da súa autoría, que nos proporcionan un patrimonio literario para entender o mundo e a humanidade desde o palco.

E non podemos deixar de recoñecerlle toda a labor pedagóxica que desenvolveu durante toda a súa vida e que arraigou en Casahamlet, onde Manolo sementou nas novas xeracións todo o amor que el irradiaba polo teatro galego e en galego.

Marchou un bo e xeneroso.

Moitas grazas por todo, Manolo!

Na foto, recollendo o Premio de Honra Marisa Soto na II Edición dos Premios de Teatro MAría Casares, en 1998