Volver

Encontro 40º aniversario da AAAG

Etiquetas:

Este pasado martes, 8 de xullo, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) conmemorou 40 anos de traxectoria cun encontro aberto con Rosa Álvarez, Luma Gómez e Gonzalo Uriarte.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) conmemorou o seu 40º aniversario cun encontro aberto protagonizado por Rosa Álvarez, socia número 1 da AAAG; Gonzalo Uriarte, primeiro presidente da AAAG, e Luma Gómez, unha das persoas que asinou a acta fundacional da entidade en maio de 1985. Durante o encontro, que foi gravado para crear unha peza audiovisual, repasáronse catro décadas de traxectoria, destacando aspectos claves da nosa historia como a posta en marcha dos Premios María Casares ou a sinatura do convenio de teatro en 2009 tras case unha década de negociacións.

A este encontro celebrado na galería da SGAE asistiron representantes de institucións como Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, ou Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña. Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega, e o novo director da ESAD, Dani Salgado, tamén acudiron ao evento.

Traxectoria da AAAG

A AAAG botaba andar nun contexto moi concreto: nos primeiros compases da profesionalización da interpretación. Cómpre lembrar que, tradicionalmente, se toma como data de referencia para situar o inicio desta profesionalización o 16 de maio de 1978, día en que Antroido estreou en Santiago de Compostela Laudamuco, señor de ningures. En 1984 nacía o Centro Dramático Galego coa estrea de dúas obras: a fundacional Woyzeck, dirixida por Xúlio Lago, e Agasallo de sombras, texto de Vidal Bolaño que se converteu na primeira obra galega producida pola institución de teatro público. E, xusto un ano despois da constitución da AAAG, principiaron as emisións da Televisión de Galicia.

Neste contexto, a profesión decidiu crear dende o colectivo unha asociación que lle dese voz e representatividade fronte a administración e diante da sociedade. O traballo da AAAG nestas décadas plasmouse en diferentes iniciativas e proxectos. Neste ámbito, destacan aspectos como os plans formativos desenvolvidos ao longo destas décadas, de grande importancia para a profesionalización sobre todo nos tempos previos á creación en 2005 da Escola da Arte Dramática de Galicia (ESAD); a creación dos Premios de Teatro María Casares, galardóns que en 2026 celebrarán a súa 30ª edición grazas ao apoio de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE e o Concello da Coruña que sempre acolleu no Teatro Rosalía Castro a gala de entrega; ou o I Convenio colectivo de actores e actrices de Galicia, impulsado pola AAAG e asinado polos sindicatos, por Escena Galega e a Axencia Galega das Industrias Culturais, texto aínda en vigor e pioneiro no estado.