
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que aglutina gran parte da interpretación e da dirección de escena, lamenta o falecemento de Piti Sanz, compositor, músico de referencia no panorama galego e actor cunha estreita vinculación co noso teatro, sendo un rostro ben coñecido para o público, así como un compañeiro de oficio apreciado no sector. O seu traballo como compositor e a súa presenza en escena en multitude de obras de teatro, así como en producións audiovisuais, léganos unha pegada indeleble no noso gremio. A súa marcha impáctanos e o seu traballo lémbranos o imbricados que están a música e o teatro, sendo as composicións de músicas orixinais e de espazos sonoros parte inseparable do noso traballo. Sanz abriulle un camiño fundamental no noso teatro á presenza de músicos en escena, ofrecendo música ao vivo e unha forma diferente de interpretación anovadora.
Ao longo da súa traxectoria, Piti Sanz traballou con compañías fundamentais do noso teatro. É o caso de formacións como Ollomoltranvía, Mofa e Befa ou Producións Teatráis Excéntricas. Sanz estivo de finalista dos Premios de Teatro María Casares en nove ocasións, acadando dous galardóns na categoría de música orixinal: Finis Mundi Circus, de Mofa e Befa, en 1999 e Ñiquiñaque, de Ollomoltranvía en 2002. Ao longo da súa traxectoria, Piti Sanz compuxo a música en obras como Policía, Sempre ao lonxe, Un cranio furado, Oeste solitario ou O Auto do Castromil. Entre os seus últimos traballos escénicos atópase a obra Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas, obra gañadora do Premio ao mellor espectáculo infantil, galardón que Sanz recolleu xunto ao resto do equipo da montaxe na última gala dos María Casares celebrada o pasado mes de abril.
No eido audiovisual, compuxo as bandas sonoras de fitas como Mataharis, Entre Bateas, 18 comidas, A noite que deixou de chover ou Os fenómenos. Tamén compuxo para series como Terras de Miranda, O Nordés ou Era Visto! Polo traballo no cine e na televisión, Piti Sanz gañou cinco Mestre Mateo. Ademais, formou parte de bandas musicais como Sindikato Agrario, Di Elas ou Los Contentos.