
Entidades de Queremos Galego presentaron esta mañá en rolda de prensa os pormenores da "gran foliada pola lingua" que percorrerá as rúas de Compostela este sábado, 17 de maio, baixo o lema Lingua Vital xa. Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, pediu que a xente acuda con pandeiretas, percusión e ánimo, para expresar cantando a forza do noso idioma, e explicou que na manifestación do Día das Letras conflúen os máis de 20 plenarios de Queremos Galego que tiveron lugar ao longo das últimas semanas noutras tantas comarcas do país. Arantza Villar, presidenta da Comisión Xestora da AAAG, participou na rolda. A marcha sairá ás 12h da Alameda, pasará diante do IES Rosalía de Castro e do IES San Clemente, polo Franco e a rúa Fonseca, ata concluír na praza do Obradoiro, onde a actriz Isabel Risco conducirá un acto no que intervirán a coordinadora e o voceiro de Queremos Galego e se presentarán as entidades que participarán no proceso social Lingua vital para concretar e executar os acordos xa tomados en relación ao idioma. Armas anunciou, tamén, que haberá buses a Compostela dende 30 localidades e animou a xente a buscar a súa na web queremosgalego.gal. O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, salientou que "este 17 de maio é imprescindíbel saír á rúa". "A Xunta está demostrando", afirmou, "que só actúa se o pobo galego se mobiliza". Neste sentido, Maceira asegura que "o medo á mobilización obrigou o PP a aparentar vontade de cumprir os acordos con supostas comisións, mais con límites estabelecidos para o ensino, a administración, os medios públicos ou mesmo os campamentos de verán". "A mobilización e a toma da iniciativa pola lingua pola sociedade galega é o único que pode facer mudar o rumbo do idioma e comezar a reverter a emerxencia lingüística", recorda o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. "Hai que obrigar o PP e a Xunta a reaccionar a favor do idioma perante a emerxencia lingüística", insiste. "O continuismo de Rueda na belixerancia contra o idioma debe parar".