Volver

Os XXIX Premios María Casares xa teñen gañadoras

‘Iribarne’, de ButacaZero, leva nove dos 12 galardóns aos que aspiraba: espectáculo, dirección, dirección de movemento, texto orixinal, actriz protagonista, actor protagonista, espazo sonoro, vestiario e espazo escénico (este último compartido con ‘O dragón de ouro’)

‘O dragón de ouro’, de Sarabela Teatro, acada catro galardóns: actriz secundaria, adaptación-tradución, iluminación e espazo escénico, este compartido con ‘Iribarne’.

‘Os contos do Lobicán’, de Redrum Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo de monicreques e ‘Monstros’, de Producións Teatráis Excéntircas, fíxose co premio ao mellor espectáculo infantil

Os XXIX Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. Un total de 17 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos 16 galardóns nos que se dividen os premios, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE e Gadis. Iribarne, de ButacaZero, converteuse na gran triunfadora da noite ao facerse con nove dos doce premios aos que aspiraba: espectáculo, dirección (Xavier Castiñeira), dirección de movemento (Sabela Domínguez), texto orixinal (Esther F. Carrodeguas), actor protagonista (Anxo Outumuro), actriz protagonista (Lidia Veiga), espazo sonoro (Berto), vestiario (Diego Valeiras) e espazo escénico (Diego Valeiras e Xavier Castiñeiras). Este último premio foi compartido con O dragón de ouro, espectáculo de Sarabela Teatro que levou catro galardóns: adaptación-tradución (Catuxa Pato), actriz secundaria (Sabela Gago), Iluminación (Laura Iturralde) e o xa citado espazo escénico (Iris Branco).

Os contos do Lobicán, obra de Redrum Teatro, conquistou o premio ao mellor espectáculo de monicreques, mentres que Monstros, de Producions Teatrais Excéntricas, acadou o de mellor espectáculo infantil. Apaga o candil, de Contraproducións, fíxose cun galardón (Toni Salgado ao mellor actor secundario), igual que Pum! Pum! Quen hai?, de Ártika Cía, que se impuxo na categoría de maquillaxe (Rocío Salgado e Fernanda Barrio).

En resumo, gañadores/as por categoría:

MAQUILLAXE: Rocío Salgado e Fernanda Barrio por PUM! PUM! Quen hai?, de Ártika

VESTIARIO: Diego Valeiras por Iribarne, de ButacaZero.

ILUMINACIÓN: Laura Iturralde por O dragón de Ouro, de Sarabela Teatro.

ESPAZO ESCÉNICO: (ex aequo) Iris Branco por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, e Diego Valeiras e Xavier Castiñeira por Iribarne, de ButacaZero.

ESPAZO SONORO: Berto por Iribarne, de ButacaZero.

ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Catuxa Pato por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro.

TEXTO ORIXINAL: Esther F. Carrodeguas por Iribarne, de ButacaZero

ACTOR PROTAGONISTA: Anxo Outumuro por Iribarne, de ButacaZero

ACTRIZ PROTAGONISTA: Lidia Veiga por Iribarne, de ButacaZero

ACTRIZ SECUNDARIA: Sabela Gago por O dragón de ouro, de Sarabela Teatro.

ACTOR SECUNDARIO: Toni Salgado por Apaga o candil, de Contraproducións

DIRECCIÓN: Xavier Castiñeira por Iribarne, de ButacaZero

DIRECCIÓN DE MOVEMENTO: Sabela Domínguez por Iribarne, de ButacaZero

ESPECTÁCULO: Iribarne, de ButacaZero

ESPECTÁCULO INFANTIL: Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas.

ESPECTÁCULO DE MONICREQUES: Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro

A GALA

A gala dos XXIX Premios de Teatro María Casares converteuse nunha homenaxe aos oficios teatrais na que gañou gran protagonismo a figura das compañías de furgoneta, elemento central no cartel deste ano, deseñado por Sonia García. A gala conducida precisamente por Sarabela Teatro contou coa dirección de Fernando Dacosta e cun elenco conformado por Sabela Gago, Fernando González, Belén Constenla, Josito Porto, Elena Seijo e Víctor Mosqueira. A música correu a cargo de Vadim Yuknevich, mentres que o vestiario o deseñou Tegra e Lele. José Bayón e Rubén Dobaño encargáronse do son e da iluminación, mentres que Héctor Martínez exerceu como auxiliar de dirección. Marta Horjales asumiu a produción executiva.

Durante a gala, Belén Regueira leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e fíxose entrega do Premio de Honra Marisa Soto a Xabier Deive. O galardón recollérono a súa filla, Irea Deive, e a súa muller, Eva Albaladejo.

DISCURSO XUNTA DIRECTIVA DA AAAG

A vicepresidenta e o secretario da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Eva Fórneas e Xosé Barato, encargáronse de pronunciar o discurso da Xunta Directiva da AAAG, que neste 2025 xirou ao redor de tres temas: a situación do galego, os medios públicos e a necesidade do asociacionismo para a defensa dos dereitos. O discurso, que se iniciou de forma irónica en castelán para facer un chamamento sobre o futuro do galego, lembrou os “preocupantes” datos do uso da lingua publicados polo Instituto Galego de Estatística o pasado mes de outubro. Uns datos que amosan que o castelán, por vez primeira, é a lingua predominante en Galicia. Neste punto, lembráronse os últimos 15 anos de devir político, dende a manifestación de Galicia Bilingüe á que acudiu Alfonso Rueda en 2009 e a aprobación do Decreto do Plurilingüismo até o día de hoxe.

“A lingua é a nosa forma de ser e estar no mundo”, sinalou Fórneas na súa intervención, antes de poñer en valor o papel que xogaron os medios públicos na difusión da lingua a través da ficción e da dobraxe, “pedras angulares” para o idioma. Pola súa banda, Barato sinalou a “oposición frontal” á lei de medios que vén de ser aprobada pola maioría absoluta do Partido Popular no Parlamento. “Precisamos uns medios públicos que reflictan toda a realidade deste país, sobre todo cando se mobiliza para manifestar vontades e berrar cousas como Altri, non”, resaltou Barato, quen tamén lembrou que o director xeral da CRTVG leva 16 anos no cargo, un director xeral que “ten claras as súas prioridades”, xa que chegou a afirmar en sede parlamentaria que entre a “imaxe” do ente público e “o dereito a información”, escollía o primeiro.

Fórneas aproveitou o discurso para sinalar que a AAAG celebra neste 2025 o seu 40ª aniversario. Neste punto, a vicepresidenta da asociación asegurou que “sen corpos asociativos fortes, o tecido sectorial rompe” e que os “dereitos gañados dende o colectivo” non se poden dar por seguros. “A súa defensa precisa a nosa unión”, concluíu