
Os XXIX Premios de Teatro María Casares entregaranse mañá xoves, 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a partir das 20.30 horas. A gala de entrega, que renderá tributo aos diferentes oficios que conforman o mundo do teatro, será retransmitida a través da canle de Youtube dos Premios de Teatro María Casares mediante esta ligazón: https://youtube.com/live/m55uS8PvV60. A gala estará conducida por Sarabela Teatro e Fernando Dacosta será o responsable da dirección e mais da dramaturxia. O elenco está conformado por seis intérpretes: Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira. Vadim Yuknevich encargarase da música, mentres que o vestiario correrá a cargo de Tegra e Lele. José Bayón e Rubén Dobaño encargaranse das tarefas de iluminación e mais son, e Héctor Martínez exercerá como auxiliar de dirección. Marta Horjales asume a produción executiva dos Premios María Casares.
Lembranza a Xabier Deive
Neste 2025, a AAAG decidiu concederlle o Premio de Honra Marisa Soto a Xabier Deive. Deste xeito, a profesión celebrará a figura do actor falecido o pasado mes de xullo. Será a terceira vez que se entrega esta distinción a título póstumo tras a concesión a Xosé Manuel Olveira Pico e a Lino Braxe. Deive, un rostro ben coñecido para o público galego, antes de iniciar a súa traxectoria como actor, exerceu como técnico e coñeceu ben todos os estamentos do sector teatral. Ademais foi o presidente da AAAG entre 2019 e 2021, anos especialmente complexos para o oficio por mor da pandemia. Durante a gala tamén se lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, que este ano asina a xornalista Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).
Os Premios María Casares están organizado, dende a súa creación en 1997, pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan co apoio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE ou Gadis.
17 espectáculos finalistas
Neste 2025, un total de 17 espectáculos aspiran a conquistar os Premios María Casares. Sarabela Teatro, precisamente, optará a 14 galardóns (entre eles dirección, espectáculo, dirección ou as catro categorías de interpretación) pola obra O dragón de ouro. ButacaZero e a súa obra Iribarne aspira a 12 premios (entre eles, espectáculo, dirección, texto orixinal, actor protagonista, actriz protagonista ou actriz secundaria). Estas dúas obras competirán polo premio a mellor espectáculo xunto a Go Home, de Etiqueta Negra.
Os actos e as profecías, obra coa que o Centro Dramático celebrou o seu corenta aniversario, pelexará en catro categorías como tamén o fará en idéntico número de apartados As gardiás ou o nó do tecelán, montaxe coa que regresou Teatro de Ningures á produción escénica. Cinco pezas aspiran a dous premios: Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas; O mundo está roto pero pódese camiñar, de Contraproducións; Eu, fraude!, de Paula Pier; Non pasarán e PUM! PUM! Quen hai?, as dúas de Ártika Cía.
Nada se sabe, coprodución de Culturactiva co Centro Dramático Galego, aspira a un galardón, como tamén Apaga o Candil, de Contraproducións; Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo e Rogelio III (La fête), de Assircópatas, que se disputará o premio ao mellor espectáculo infantil cos xa citados Monstros, O mundo está roto pero pódese camiñar e Pum! Pum! Quen hai?
Por último, tres obras son finalistas no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Moby Dick, de Pedras de Cartón, e Gaia Baba, a meiga, de Nauta Teatro.