
Os XXIX Premios de Teatro María Casares entregaranse o próximo xoves, 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a partir das 20.30 horas. “A gala de entrega renderá tributo aos diferentes oficios que conforman o mundo do teatro a través dun concepto que reflicte a vida itinerante dos e das artistas: as compañías de teatro de furgoneta”, explicou Fernando Dacosta, director da gala deste 2025, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Arantza Villar, presidente da AAAG.
Dacosta, na súa intervención, puxo o foco no estilo de vida e nas vicisitudes que implican os diferentes oficios profesionais que conforman o feito teatral. A imaxe da furgoneta, que protagoniza o cartel desta 29ª edición dos Premios María Casares asinado por Sonia García, ilustra dende a modernidade “o concepto clásico das compañías ambulantes” e dos “cómicos e cómicas da legua”. Para Fernando Dacosta esta gala -que conduce a compañía á que pertence, a histórica Sarabela Teatro- será “un divertimento crítico, pero amable e entrañable” sobre as vicisitudes, particularidades e dificultades que fan da escena un sector singular e complexo pero, ao tempo, fermoso.
O equipo artístico
Dacosta dirixirá un elenco formado por seis actores: Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira. Vadim Yuknevich encargarase da música, mentres que o vestiario correrá a cargo de Tegra e Lele. José Bayón e Rubén Dobaño encargaranse as tarefas de iluminación e son, e Héctor Martínez exercerá como auxiliar de dirección. Marta Horjales asume a produción executiva dos Premios María Casares. A gala poderase seguir a través da canle de Youtube dos Premios María Casares (https://www.youtube.com/c/premiosdeteatromariacasares). A partir das 20.30 horas.
Arantza Villar, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos María Casares dende a súa creación en 1997 iniciou a súa intervención poñendo en valor o apoio que estes premios acadan dende as institucións públicas. Tivo así palabras de agradecemento ao Concello de Coruña –“en especial ao Teatro Rosalía, que acolle dende hai xa case trinta anos esta gala”-, á Xunta de Galicia, que patrocina o certame a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE e Gadis.
Villar, ademais, aproveitou a ocasión para resaltar “o gran traballo” que Sarabela Teatro está a realizar para a gala de entrega deste 2025. “Para a AAAG é un honor que unha compañía histórica como é Sarabela se encargue de presentar a gala, sobre todo neste 2025 en que a AAAG fai 40 anos. Para celebrar un ano tan redondo non se nos ocorre mellor forma que escoller para dirixir a gala do noso teatro a Sarabela, que xa supera as catro décadas de traxectoria e é, ademais, a compañía privada con máis premios María Casares”, lembrou Villar facendo referencia aos 48 galardóns que atesoura a formación ourensá, marca que só supera o Centro Dramático Galego (CDG). “Este ránking podería mudar o vindeiro 3 de abril, xa que se dá a circunstancia de que Sarabela este ano ten 14 finalistas que poderían levar premio coa súa obra O dragón de ouro”, sinalou Villar.
Lembranza a Xabier Deive
A presidenta da AAAG tamén tivo palabras de lembranzas para o actor Xabier Deive, falecido en xullo do ano pasado. “A AAAG concédelle o Premio de Honra Marisa Soto porque queriamos celebralo, celebrar a súa traxectoria e celebralo como persoa”, explicou Villar, antes de engadir que é a terceira vez que se entrega a título póstumo esta galardón tras a concesión a Xosé Manuel Olveira Pico e a Lino Braxe. Deive, un rostro ben coñecido para o público galego, antes de iniciar a súa traxectoria como actor, exerceu como técnico e coñeceu ben todos os estamentos do sector teatral. Ademais foi o presidente da AAAG entre 2019 e 2021, anos especialmente complexos para o oficio por mor da pandemia.
17 espectáculos finalistas
Neste 2025, un total de 17 espectáculos aspiran a conquistar os Premios María Casares. Sarabela Teatro, precisamente, optará a 14 galardóns (entre eles dirección, espectáculo, dirección ou as catro categorías de interpretación) pola obra O dragón de ouro. ButacaZero e a súa obra Iribarne aspira a 12 premios (entre eles, espectáculo, dirección, texto orixinal, actor protagonista, actriz protagonista ou actriz secundaria). Estas dúas obras competirán polo premio a mellor espectáculo xunto a Go Home, de Etiqueta Negra.
Os actos e as profecías, obra coa que o Centro Dramático celebrou o seu corenta aniversario, pelexará en catro categorías como tamén o fará en idéntico número de apartados As gardiás ou o nó do tecelán, montaxe coa que regresou Teatro de Ningures á produción escénica. Cinco pezas aspiran a dous premios: Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas; O mundo está roto pero pódese camiñar, de Contraproducións; Eu, fraude!, de Paula Pier; Non pasarán e PUM! PUM! Quen hai?, as dúas de Ártika Cía.
Nada se sabe, coprodución de Culturactiva co Centro Dramático Galego, aspira a un galardón, como tamén Apaga o Candil, de Contraproducións; Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo e Rogelio III (La fête), de Assircópatas, que se disputará o premio ao mellor espectáculo infantil cos xa citados Monstros, O mundo está roto pero pódese camiñar e Pum! Pum! Quen hai?
Por último, tres obras son finalistas no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Moby Dick, de Pedras de Cartón, e Gaia Baba, a meiga, de Nauta Teatro.