Volver

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro

Por Belén Regueira

Que pinta o xornalismo no Día do Teatro? É sabido que a escena e o periodismo non teñen nada en común. Se acaso, comparten a condición de profesións en crise, hai quen di incluso que en extinción. Porque, quen necesita intermediarios fiables da realidade, habendo algoritmos opacos sen código deontolóxico? A quen lle cómpren historias de ficción representadas ao vivo, cando podemos pagarlles ás plataformas para que nos impidan saír da casa?

Pero nada hai máis oposto que o xornalismo e o teatro. Aínda que, ben mirado, as dúas son profesións precarizadas, con horarios ás veces incompatibles coa vida, e nas que a vocación se usa como coartada para facer apandar con malas condicións laborais. A vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, pero non son un complemento salarial.

Teatro e periodismo están moi lonxe, abofé. Salvo se cadra no feito de que ningún dos dous ten sentido sen o público. En que estamos obrigadas a preguntarnos por que moitas persoas esquivan as noticias e non poucas evitan os teatros. En que non podemos resignarnos a que a xente moza prescinda de nós nin a ser pasatempo para privilexiados.

Definitivamente, o teatro e o xornalismo non se parecen en nada. Agás talvez en que os dous axudan a construír a esfera pública sen a que non é posible a democracia; en que nos seus días máis afortunados son espello da nosa vida e fiestra para entender outras vidas; en que nas súas mellores versións actúan como fiscalizadores críticos do poder; en que cando son quen de representar o mundo, permiten que o comprendamos e que matinemos sobre como melloralo.

Periodismo e teatro non poden ser máis diferentes, xaora, pero ningún dos dous pode prosperar onde non hai liberdade. A liberdade para informar de maneira veraz, a liberdade para crear sen máis límites que os da imaxinación.

Longa vida ao teatro e ao xornalismo, estes íntimos descoñecidos que poñen as persoas e as súas historias no centro do palco, que nos vacinan contra a submisión e a indiferenza, que ao reunirnos para pensar e conmovernos xuntos nos converten en cidadáns e cidadás.

Belén Regueira

Santiago, de Compostela

Marzo de 2025