Volver

Belén Regueira reivindica no Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro a escena e mais o xornalismo como “fiscalizadores críticos do poder” que “vacinan contra a submisión” da sociedade

A Asociación de Actores e Actrices deGalicia (AAAG) fai público o ‘Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro’, quecada ano lle encarga a unha persoa de recoñecido prestixio dentro da cultura donoso país para conmemorar o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro

A xornalista Belén Regueira asina neste 2025 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. O seu texto reflexiona ao redor dos paralelismos entre o teatro e o xornalismo, dúas ferramentas que actúan “nas súas mellores versións” como “fiscalizadores críticos do poder” ao tempo que axudan a construír a “esfera pública” imprescindible en toda sociedade democrática. A ollos de Regueira estes dous mundos, que “só poden prosperar onde hai liberdade”, serven tanto de “espello da nosa vida” como de “fiestra para entender outras vidas”. “Longa vida ao teatro e ao xornalismo, estes íntimos descoñecidos que poñen as persoas e as súas historias no centro do palco, que nos vacinan contra a submisión e a indiferenza, que ao reunirnos para pensar e conmovernos xuntos nos converten en cidadáns e cidadás”, sentenza Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, que cada ano encarga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia a unha sinatura destacada do noso sector cultural, inclúe neste 2025 tamén mensaxes ao redor das condicións laborais destes dous sectores. “As dúas son profesións precarizadas e nas que a vocación se usa como coartada para facer apandar con malas condicións laborais. A vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, pero non son un complemento salarial”, salienta a xornalista no Manifesto deste 2025.

Regueira súmase co seu texto á longa lista de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da escena, do xornalismo cultural e da literatura que cada ano, a petición da AAAG, asinan o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Esta listaxe inclúe, entre outros moitos, os nomes de Evaristo Calvo, María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Camilo Franco, Aldao&Lado, Méndez Ferrín ou Imma António. Regueira lerá o Manifesto na gala dos Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Un total de 17 espectáculos compiten polos 16 galardóns nos que se divide os María Casares, certame organizado pola AAAG co patrocinio da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE e Gadis. Nesa mesma gala, farase entrega á familia de Xabier Deive do Premio de Honra Marisa Soto que se lle concedeu a título póstumo ao actor e antigo presidente da AAAG entre os anos 2019 e 2021.

A AAAG escolle a Belén Regueira pola súa longa traxectoria no xornalismo cultural. A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia desenvolveu a práctica totalidade da súa carreira profesional nos medios públicos e actualmente exerce o seu oficio nos programas de información cultural da Radio Galega , onde desenvolve un amplo traballo de difusión da nosa cultura en xeral e da nosa escena en particular. A AAAG decidiu, ademais, pedirlle a redacción do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro a Regueira neste 2025, ano no que se vén de aprobar a nova Lei de servizos dos medios públicos da comunicación audiovisual de Galicia. Unha lei que se levou adiante coa oposición de gran parte das asociacións profesionais do audiovisual galego, que reduce o consenso parlamentario para a escolla do director xeral ou que deixou a porta aberta á introdución doutros idiomas no ente público. A AAAG quere así amosar o seu compromiso cos medios públicos ao tempo que agradece o gran labor profesional de Regueira no xornalismo cultural.

Belén Regueira (A Coruña, 1977) é desde 2024 a decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Case toda a súa traxectoria profesional está vencellada aos medios públicos galegos. Na TVG presentou o musical Chambo e o faladoiro infantil O país dos pequenos, foi reporteira e condutora de espazos informativos e guionista de programas de entretemento. Na Radio Galega dirixiu o magacín Extrarradio e o espazo sobre migracións Un país mundial. Nos últimos anos forma parte do equipo dos programas culturais da radio pública.

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2025

Que pinta o xornalismo no Día do Teatro? É sabido que a escena e o periodismo non teñen nada en común. Se acaso, comparten a condición de profesións en crise, hai quen di incluso que en extinción. Porque, quen necesita intermediarios fiables da realidade, habendo algoritmos opacos sen código deontolóxico? A quen lle cómpren historias de ficción representadas ao vivo, cando podemos pagarlles ás plataformas para que nos impidan saír da casa?

Pero nada hai máis oposto que o xornalismo e o teatro. Aínda que, ben mirado, as dúas son profesións precarizadas, con horarios ás veces incompatibles coa vida, e nas que a vocación se usa como coartada para facer apandar con malas condicións laborais. A vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, pero non son un complemento salarial.

Teatro e periodismo están moi lonxe, abofé. Salvo se cadra no feito de que ningún dos dous ten sentido sen o público. En que estamos obrigadas a preguntarnos por que moitas persoas esquivan as noticias e non poucas evitan os teatros. En que non podemos resignarnos a que a xente moza prescinda de nós nin a ser pasatempo para privilexiados.

Definitivamente, o teatro e o xornalismo non se parecen en nada. Agás talvez en que os dous axudan a construír a esfera pública sen a que non é posible a democracia; en que nos seus días máis afortunados son espello da nosa vida e fiestra para entender outras vidas; en que nas súas mellores versións actúan como fiscalizadores críticos do poder; en que cando son quen de representar o mundo, permiten que o comprendamos e que matinemos sobre como melloralo.

Periodismo e teatro non poden ser máis diferentes, xaora, pero ningún dos dous pode prosperar onde non hai liberdade. A liberdade para informar de maneira veraz, a liberdade para crear sen máis límites que os da imaxinación.

Longa vida ao teatro e ao xornalismo, estes íntimos descoñecidos que poñen as persoas e as súas historias no centro do palco, que nos vacinan contra a submisión e a indiferenza, que ao reunirnos para pensar e conmovernos xuntos nos converten en cidadáns e cidadás.

Belén Regueira

Santiago, de Compostela

Marzo de 2025