
Sarabela Teatro conducirá a gala dos XXIX Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración de entidades e institucións como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña ou a Fundación AISGE. Fernando Dacosta encargarase da dirección e da dramaturxia da gala, que contará cun elenco conformado por seis intérpretes: Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira. O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá a entrega dos María Casares o xoves 3 de abril e a AAAG retransmitíraa en directo a través da canle que mantén en Youtube: https://www.youtube.com/c/premiosdeteatromariacasares
A Xunta Directiva da AAAG confía neste 2025 para a condución da gala en Sarabela Teatro, nome histórico da nosa escena. A formación ourensá, fundada en 1980 por Ánxeles Cuña e á que están vinculados actores e actrices como Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago ou Elena Seijo, é a compañía privada con maior número de premios María Casares -os seus espectáculos atesouran 48 destes galardóns- e constitúe un auténtico referente para a escena galega. Entre os espectáculos que levou ás táboas, destacan títulos como Fando e Lis (1980), O triciclo (1985), A esmorga (1996 e reestreada en 2010), Tics (1998), O lapis do carpinteiro (2000), A conxura dos necios (2002), O incerto señor Don Hamlet (2010) ou Tango (2011). Nos últimos anos, Sarabela afondou na liña de adaptar relevantes textos da narrativa galega como son Crónicas do Paraíso (2019, baseado n’As crónicas do Sochantre, de Cunqueiro), A lingua das bolboretas (2020, conto que forma parte de ¿Que me queres, amor?, de Manuel Rivas), Morgana en Esmelle (2021, montaxe que parte da obra homónima de Begoña Caamaño) ou Made in Galiza (2023, obra que xorde do libro do mesmo título asinado por Séchu Sende).
Sarabela Teatro, ademais, participa da organización de importantes citas no circuíto de festivais escénicos de Galicia: o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) ou a MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario). A compañía fundou a comezos dos noventa a Aula de Teatro Universitario de Ourense, que forma parte da Universidade de Vigo e que foi premiada en 2019 co Premio de Honra Marisa Soto.
Para a gala destes XXIX Premios de Teatro María Casares, Sarabela Teatro ofrecerá un espectáculo que servirá de homenaxe ás compañías ambulantes. Ao longo da velada, retrataranse as vicisitudes dos cómicos e cómicas da legua, recollendo a idea renovada de Viaxe a ningunha parte, obra referencial de Fernando Fernán Gómez adaptada á escena pola propia Sarabela en 2012. Tratarase dun divertimento con crítica amable sobre algunhas cuestións que inciden na actividade teatral como tamén inciden noutros sectores, todo contado dende unha perspectiva cómica e tenra.
Vadim Yuknevich encargarase da música, mentres que o vestiario correrá a cargo de Tegra e Lele. José Bayón e Rubén Dobaño asumen as tarefas de iluminación e son, e Héctor Martínez exercerá como auxiliar de dirección. Marta Horjales asume a produción executiva dos Premios María Casares.
17 espectáculos finalistas
Neste 2025, un total de 17 espectáculos aspiran a conquistar os Premios María Casares. Sarabela Teatro, precisamente, optará a 14 galardóns (entre eles dirección, espectáculo, dirección ou as catro categorías de interpretación) pola obra O dragón de ouro. ButacaZero e a súa obra Iribarne aspira a 12 premios (entre eles, espectáculo, dirección, texto orixinal, actor protagonista, actriz protagonista ou actriz secundaria). Estas dúas obras competirán polo premio a mellor espectáculo xunto a Go Home, de Etiqueta Negra.
Os actos e as profecías, obra coa que o Centro Dramático celebrou o seu corenta aniversario, pelexará en catro categorías como tamén o fará en idéntico número de apartados As gardiás ou o nó do tecelán, montaxe coa que regresou Teatro de Ningures á produción escénica. Cinco pezas aspiran a dous premios: Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas; O mundo está roto pero pódese camiñar, de Contraproducións; Eu, fraude!, de Paula Pier; Non pasarán e PUM! PUM! Quen hai?, as dúas de Ártika Cía.
Nada se sabe, coprodución de Culturactiva co Centro Dramático Galego, aspira a un galardón, como tamén Apaga o Candil, de Contraproducións; Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo e Rogelio III (La fête), de Assircópatas, que se disputará o premio ao mellor espectáculo infantil cos xa citados Monstros, O mundo está roto pero pódese camiñar e Pum! Pum! Quen hai?
Por último, tres obras son finalistas no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Moby Dick, de Pedras de Cartón, e Gaia Baba, a meiga, de Nauta Teatro.