Volver

Un total de 17 espectáculos competirán como finalistas nos XXIX Premios de Teatro María Casares

>> ‘O dragón de ouro’, de Sarabela Teatro, consegue 14 finalistas, e ‘Iribarne’, de ButacaZero, acada 12. Estas dúas obras disputanrase o galardón ao mellor espectáculo xunto a obra ‘Go home’, de Etiqueta Negra

>> A gala dos Premios de Teatro María Casares celebrarase o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña

Un total de 17 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXIX Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer esta tarde en Santiago durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi conducido pola actriz Sheyla Fariña, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Miguel Diéguez, director territorial da Zona Noroeste da SGAE, que participaron no evento en calidade de representantes das institucións que patrocinan os galardóns do noso teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

O espectáculo O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, acadou catorce finalistas (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, actor protagonista, adaptación-tradución, iluminación, espazo sonoro, espazo escénico, vestiario e maquillaxe). Pola súa banda, Iribarne, de ButacaZero conta con doce finalistas (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista por partida dupla, actor protagonista por partida dupla, texto orixinal, iluminación, espazo escénico, espazo sonoro e vestiario). Estas dúas montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo xunto a Go Home!, montaxe de Etiqueta Negra que é finalista unicamente nesta categoría.

Dúas obras aspiran a catro Premios María Casares: Os actos e as profecías, do Centro Dramático Galego, e As gardiás ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures. A primeira delas opta aos galardóns de dirección, espazo escénico, vestiario e maquillaxe. Pola súa banda, a obra coa que regresou aos escenarios Teatro de Ningures é finalista nas categorías de dirección, adaptación-tradución e actriz secundaria por partida dupla.

As cinco seguintes montaxes aspiran a dous premios cada unha: Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas (texto orixinal e espectáculo infantil); Eu, Fraude!, de Paula Pier (Iluminación e espazo sonoro); O mundo está roto pero pódese camiñar, de Contraproducións (adaptación-tradución e espectáculo infantil), e Pum! Pum! Quen hai?, de Ártika Cía (espectáculo infantil e maquillaxe) e Non pasarán, tamén de Ártika, vestiario e texto orixinal.

Nada se sabe, coprodución de Culturactiva co Centro Dramático Galego, aspira a un galardón (vestiario), como tamén Apaga o Candil, de Contraproducións (actor secundario); Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo (dirección de movemento) e Rogelio III (La fête), de Assircópatas, que se disputará o premio ao mellor espectáculo infantil cos xa citados Monstros, O mundo está roto pero pódese camiñar e Pum! Pum! Quen hai?

Por último, tres obras son finalistas no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Moby Dick, de Pedras de Cartón, e Gaia Baba, a meiga, de Nauta Teatro.

Estes 17 espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 3 de abril. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.

Relación de finalistas por montaxes

1. O dragón de ouro, de Sarabela Teatro (14 finalistas): espectáculo, dirección (Ánxeles Cuña Bóveda), dirección de movemento (Rut Balvís), adaptación-tradución (Catuxa Pato), actriz protagonista (Fina Calleja), actor protagonista (Fran Lareu), actriz secundaria (Sabela Gago), actor secundario partida dupla (Fernando González e Fernando Dacosta), espazo sonoro (Vadim Yukhnevich, Renata Codda Fons), espazo escénico (Iris Branco), iluminación (Laura Iturralde) vestiario (Ruth D. Pereira) e maquillaxe.

2. Iribarne, de ButacaZero (12 finalistas): espectáculo, dirección (Xavier Castiñeira), dirección de movemento (Sabela Domínguez), texto orixinal (Esther F. Carrodeguas), actor protagonista por partida dupla (Jorge de Arcos e Anxo Outomuro), actriz protagonista por partida dupla (Mónica García e Lidia Veiga), espazo sonoro (Berto), iluminación (Diego Vilar), vestiario (Diego Valeiras) espazo escénico (Diego Valeiras e Xavier Castiñeira)

3. Os actos e as profecías, do Centro Dramático Galego (4 finalistas): dirección (Tamara Canosa), espazo escénico (José Faro ‘Coti’), maquillaxe (Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay) e vestiario (Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay

4. As gardiás ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures (4 finalistas): dirección (Cristina Domínguez), adaptación/tradución (Vanesa Sotelo e Henrique Harguindey), e actriz secundaria por partida dupla (Rebeca Montero e Casilda Alfaro)

5. Monstros, de Producións Teatráis Excénctircas (2 finalistas) : espectáculo infantil e texto orixinal (María Lado e Lucía Aldao)

6. O mundo está roto pero pódese camiñar, de Contraproducións (2 finalistas): espectáculo infantil e adaptación-tradución (Cándido Pázo e Belén Pichel)

7. Eu, Fraude!, de Paula Pier (2 finalistas): iluminación (Laura Iturralde e As Dúas e Punto) e espazo sonoro (Sandra Pérez, Chus López, María Velasco e Paula Pier)

8. Pum! Pum! Quen hai?, de Ártika Cia (2 finalistas): maquillaxe (Fernanda Barrio e Rocío Salgado) e espectáculo infantil.

9. Non pasarán, de Ártika Cía (2 finalistas): vestiario (Carlos Alonso) e texto orixinal (Vanesa Sotelo e Tito Asorey).

10. Go Home, de Etiqueta Negra producións (1 finalista): mellor espectáculo

11. Apaga o candil, de Contraproducións (1 finalista): actor secundario (Toni Salgado)

12. Nada se sabe, Culturactiva Producións (1 finalista): vestiario (La Canalla)

13. Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo (1 finalista): dirección de movemento (Ana Vallés e Nuria Sotelo)

14. Moby Dick, de Pedras de Cartón (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

15. Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

16. Gaia Baba, a meiga, de Nauta Teatro (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

17. Rogelio III (La fète), de Assircópatas (1 finalista): espectáculo infantil

CONSULTA OS FINALISTAS POR CATEGORÍAS NESTA LIGAZÓN