Volver

A ilustradora ribeirense Sonia García asina o cartel dos XXIX Premios de Teatro María Casares

A relación de finalistas deste 2025 coñecerase a finais de febreiro na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia e a gala de entrega dos galardóns celebrarase o xoves 3 de abril un ano máis no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Sonia García asina o cartel dos XXIX Premios de Teatro María Casares. A Xunta Directiva, entidade organizadora dos galardóns, confía este ano na ilustradora ribeirense o deseño da imaxe dos María Casares, dándolle así continuidade á iniciativa principiada en 2017 de encargar a ilustración dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e mais o ámbito da ilustración, da banda deseñada e do deseño gráfico. En convocatorias anteriores ilustraron o cartel dos galardóns David Rubín, Xulia Vicente, Leo Sousa, Paula Mayor ou Aldara Prado.

Sonia García (Ribeira, 1986) formouse en ilustración na Escola Pablo Picasso da Coruña e en fotografía na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela. O mar á súa principal fonte de inspiración e a súa traxectoria profesional transita entre a fotografía, a ilustración e a videocreación. No eido editorial, é a autora do álbum de Sementes (Xerais, 2017) e asinou as ilustracións de álbums de diferentes autores e autoras tanto nesta editorial como para Galaxia. É o caso de títulos como A cidade do átomo, de Iria Misa (Xerais) ou Caderno de Cores, de Magín Blanco (Galaxia). O seu traballo pódese consultar na web www.xoubacromatica.com.

Para o cartel dos Premios de Teatro María Casares, a autora sinala que apostou pola “simboloxía que encerran para o sector escénico as furgonetas”, símbolo da “itinerancia, das xiras, de espazo común e colaborativo e mesmo de fogar”. Para a autora, o cartel procura representar así a “unidade dos diferentes oficios teatrais” e como dentro dunha furgoneta se pode trasladar todo o mundo que atesoura unha obra de teatro. Sonia García, ademais, decidiu facer “unha homenaxe ao cartel do ano 2021, elaborado por Andrea López”, ao recuperar a máscara do teatro que se representara daquela e “tatuala” na propia furgoneta. García traballou con Manuel Silva, artista multidisciplinar e deseñador gráfico, na realización das adaptacións do cartel aos diferentes formatos que se publicarán dende hoxe ata a celebración da gala de entrega.

Festa de Finalistas

Os espectáculos e profesionais finalistas dos XXIX Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer a finais de febreiro, durante a tradicional Festa de Finalistas que este ano volverá celebrarase en Santiago, na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. A primeira quenda de votacións mantense aberta até o vindeiro 17 de febreiro e un total de 48 espectáculos inscribíronse nesta edición.

A gala de entrega terá lugar o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os Premios María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa posta en marcha en 1997 e conta cada ano coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón a Fundación AISGE ou Gadisa.