A Plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo logrou xuntar en pouco máis dun mes as 10.000 sinaturas precisas para dar trámite no Parlamento galego á iniciativa Lexislativa Popular “Liberemos A Galega”. A cidadanía respostou masivamente á chamada dos máis de 40 colectivos integrados na plataforma para apoiar esta iniciativa que pretender modificar a actual Lei de Medios Audiovisuais de Galicia. “Liberemos A Galega” reclama a democratización dos nosos medios públicos, tanto na súa cobertura informativa, que debe respectar de forma escrupulosa a “obxectividade, imparcialidade, neutralidade, veracidade e o pluralismo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais”, como no nomeamento do Consello de Administración e do seu Director ou Directora Xeral.
Incide tamén en que a TVG e a Radio Galega cumpran o fin para o que naceron: a defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura, e a promoción activa da igualdade e da diversidade.
Unha vez superada a recollida das dez mil sinaturas precisas para poder iniciar a tramitación para o debate da iniciativa no Parlamento, a plataforma decidiu seguir traballando para recabar un número de apoios significativos entre a cidadanía que dea conta da necesidade urxente de modificar a lei para garantir uns medios públicos libres e plurais. Con ese fin, instalaranse de novo mesas nas 7 cidades galegas máis Vilagarcía o vindeiro 17 de decembro e o 14 de xaneiro e solicitarase a ampliación de prazo de recollida dentro dos límites legais establecidos.