Volver

ConArte presenta a web do Estatuto do Artista

ConArte lanza un portal web dirixido tanto á profesión como ao público xeral. Ten por obexctivo divulgar e aproximar os contidos xurídico-legais que compoñen o Estatuto do Artista

A Confederación de Traballadores-Artistas do Espectáculo (ConArte) presentou este xoves 14 de novembro o portal estatutodelartista.com, unha web dedicada a explicar que é o Estatuto del Artista, así como os principais dereitos laborais aprobados baixo o marco do Estatuto e os dereitos que fican pendentes de seren lexislados.

A presentación celebrouse no Auditorio Jorge Semprún e contou coa intervención de Álex Casanovas, membnro da Xunta Executiva de ConArte. Tras as súas palabras, Jordi Martí Grau, secretario de Estado de Cultura recoñeceu o relevante papel de ConArte para o desenvolvemento do Estatuto do Artista e asegurou que o Ministerio de Cultura mantén o seu total compromiso en seguir avanzando na aprobación das partes aínda pendentes recollidas en 2018 no Informe da Subcomisión para a elaboración do Estatuto do Artista.

Dende ConArte, expúxose a necesidade de crear esta web para facilitar o acceso aos conceptos básicos que integran o Estatuto do Artista dende unha linguaxe e unha estética accesibles que conviden tanto o público xeral como os profesionais do sector a saber máis sobre os seus dereitos laborais.

Os contidos da web abordan as preguntas básicas sobre que é o Estatuto, por que ´necesario e como se conseguiron estes avances. Ademais, o portal recolle os principais fitos históricos e, moi especialmente, os principais dereitos logrados até a data, así como aqueles que aínda están en proceso de negociación.