Volver

A Mesa do Audiovisual Galego comprométese cun audiovisual na nosa lingua

Mesa do Audiovisual Galego está integrada por: Academia Galega do Audiovisual – AGA, Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG, Asociación Galega de Produtoras Independentes – AGAPI, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización – CREA, Asociación Sindical Galega de Guionistas – AGAG, Cluster Audiovisual Galego – CLAG e Coordinadora Galega de Festivais de Cinema – PROXECTA.

A Coruña, luns 11 de novembro de 2024 | As asociacións que integramos a Mesa do Audiovisual Galego reunímonos o pasado 7 de novembro no marco do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que dedicou a súa segunda edición á intersección entre a diversidade lingüística e o medio audiovisual.

Neste contexto, desde a Mesa do Audiovisual Galego consideramos importante trasladar a nosa posición en relación ao estado actual da lingua galega na creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais, sumándonos así ao debate público sobre a preocupante situación do galego no que se refire ao seu emprego pola cidadanía.

Hai unhas semanas coñecemos os datos publicados polo Instituto Galego de Estatistica sobre o coñecemento e uso do galego en 2023, que amosaban un alarmante retroceso no uso e mesmo no coñecemento da nosa lingua (só o 24% dos residentes na comunidade falan sempre en galego).

Nos estudos do IGE e o INE resulta preocupante o retroceso de falantes en galego entre a poboación infantil e na mocidade (só un 7%). Cremos que é indispensable que, dende as diferentes administracións, se actúe ante esta situación e se fomente a produción televisiva e cinematográfica en galego, dirixida específicamente a estes grupos de idade.

O audiovisual é unha ferramenta fundamental para a difusión do idioma entre a sociedade, pola súa capacidade de chegar a públicos amplos e diversos en todo tipo de contextos e a través de multitude de formatos.

Neste sentido, na Mesa do Audiovisual Galego consideramos imprescindible que, desde todos os ámbitos da industria audiovisual, tomemos conciencia do importante papel que podemos xogar para garantir un mellor futuro para o noso idioma, e adquiramos así o maior nivel de compromiso para o incremento da creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais en lingua galega.

Ao mesmo tempo, instamos ás administracións públicas a que, nos seus ámbitos, adopten diferentes medidas para o fomento da presenza do galego no audiovisual, aproveitando as posibilidades que ofrecen a lexislación europea e estatal á hora de fixar cotas que garantan o dereito da cidadanía a consumir contidos na nosa lingua.

En relación ao Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital, instamos á Xunta de Galicia a prestar especial atención ao cumprimento da misión que, ao respecto da lingua, ten encomendada a CRTVG e que reflicten os seus estatutos.

Asi mesmo, chamamos a atención sobre o papel que debe asumir RTVE para garantir a presenza do galego en todas as súas canles.

Animamos tamén a que desde as diferentes administracións públicas se intensifiquen as medidas para a difusión de contidos educativos en lingua galega e á alfabetización dixital no noso idioma.

Desde a Mesa reafirmamos o noso compromiso para participar no deseño de estratexias e mecanismos que favorezan o futuro da lingua galega.

A Mesa do Audiovisual Galego está integrada por: Academia Galega do Audiovisual – AGA, Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG, Asociación Galega de Produtoras Independentes – AGAPI, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización – CREA, Asociación Sindical Galega de Guionistas – AGAG, Cluster Audiovisual Galego – CLAG e Coordinadora Galega de Festivais de Cinema – PROXECTA.