Unha vez admitida a trámite pola mesa do Parlamento a proposición por iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Liberemos a galega”, impulsada pola plataforma “Por unha CRTVG ao servizo do pobo”, e debidamente selados e numerados os pregos pola Xunta Electoral de Galiza, comeza a correr o prazo de catro meses para a recollida de sinaturas,
Desde hoxe a até o mes de febreiro, as organizacións integrantes da plataforma socializarán o contido da proposición de lei, co obxectivo de abrir un debate social arredor do papel que deben xogar os medios públicos galegos e da súa necesidade de liberalos do secuestro ao que están sometidos polo Partido Popular.
Valor de servizo público
Fronte á utilización da TVG e da Radio Galega como aparellos de propaganda do Executivo, a Plataforma por unha CRTVG ao servizo do pobo defende que se antepoñan os valores de carácter ético e político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo.
Para a plataforma é urxente a democratización da CRTVG, tanto na súa cobertura informativa, que debe respectar de forma escrupulosa a “obxectividade, imparcialidade, neutralidade, veracidade e o pluralismo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais”, como no nomeamento do Consello de Administración e do seu Director ou Directora Xeral.
A este respecto, a plataforma “Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo” propón eses nomeamentos por concurso público, a proposta dun comité de expertos, coa aprobación polos dous terzos do Parlamento, por un periodo de 5 anos e cunha prórroga máxima por un período de idéntica duración.
A ILP contempla tamén que os nosos medios públicos cumpran o fin para o que naceron: a defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura, e a promoción activa da igualdade e da diversidade. Por iso incide na programación infantil e xuvenil, propoñendo a creación de canles temáticas.
A ILP persegue ademais que se garanta que a produción e edición dos informativos sexa realizada por profesionais da propia CRTVG e aposta por un Estatuto Profesional e pola creación dun Consello de Informativos que salvagarden a calidade, profesionalidade e a independencia dos contidos informativos.
POR UNHA CRTVG AO SERVIZO DO POBO