Corenta entidades agrupadas na plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo, na que se atopa integrada a a AAAG, presentou no Parlamento de Galicia unha iniciativa Lexislativa Popular, (ILP) Liberemos a Galega!, que ten como obxectivo garantir por lei o pluralismo no ente, a defensa da identidade e a lingua galega, así como a promoción da igualdade.
Tareixa Navaza foi a encargada de exercer como portavos da plataforma no momento de entregar a documentación pertinente á Mesa do Parlamento. Como representante da AAAG, acudiu ao rexistro da iniciativa na Cámara Luma Gómez, vogal da Xunta Directiva.
Esta iniciativa, que se puxo en marcha hai meses, coincide agora coa recente aprobación por parte do Consello da Xunta durante o verán dun anteproxecto de lei para os medios públicos, que entre outras medidas abre a porta ao uso do castelán e outras linguas na televisión e radio autonómicas, a rebaixa da maioría necesaria no Parlamento para a escolla do director xeral da CRTVG ou a eliminación de figuras nunca desenvolvidas como o Conselo de Redacción.
Diante dos medios, lembrouse que o obxectivo desta ILP é conseguir a modificación da actual Lei 9/2011 de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia -pola que se rexe a CRTVG-contra a manipulación e o uso partidista da CRTVG e a prol duns medios de comunicación públicos ao servizo da sociedade galega.
As organizacións que apoian esta ILP son:
Anova-Irmandade Nacionalista,
Asociación de Actores e Actrices de Galicia,
Asociación de Escritores en Lingua Galega,
Asociación de Gaiteiras Galegas,
Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán,
Asociación pola Defensa da Ría,
Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA),
Avante LGTB+,
BNG,
CCOO,
CGT,
CIG,
CUT,
Defende a Galega,
Erguer,
Esculca,
Federación Rural Galega (FRUGA),
Fundación Luís Tilve,
Fundación Moncho Reboiras,
InvestiGal-Rede Galega pola Investigación,
Mulheres Nacionalistas Galegas,
Músicas ao Vivo,
Plataforma Feminista Galega,
Plataforma Queremos Galego,
Plataforma SOS Sanidade Pública,
Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON,
PSdeG-PSOE,
REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia),
Sindicato Ferroviario,
Sindicato Labrego Galego,
SOS Ficción en Galego,
UGT-Galicia,
Vía Galega.