Volver

Publicadas no BOE a actualización das táboas salariais de 2024 do Convenio do Audiovisual

As tarifas incrementaranse un 3,1% con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro. Tras a súa publicación do BOE, xa podedes reclamar as empresas que vos contrataran este ano a correspondente suba das nóminas datadas en 2024.

O BOE publica, con data do 9 de xullo, a actualización das táboas salariais de 2024 do convenio do Audiovisual e os acordos acadados sobre dereitos de imaxe, tarifas e dietas para os vindeiros exercicios.

Tras unha longa, complexa -e por momentos desleal- negociación no seo da mesa paritaria, o pasado mes de xuño chegouse un acordo a instancias dos mediadores do SIMA entre a parte sindical e a patronal para proceder a actualizar as táboas salariais do 2024. As tarifas incrementaranse un 3,1% con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro. Despois da súa publicación do BOE, xa podedes reclamar as empresas que vos contrataran este ano a correspondente suba das nóminas datadas en 2024.

Para o ano 2025 e sucesivos exercicios establécese unha actualización equivalente á suba do IPC, aplicándose un incremento mínimo do 1% e un máximo de 3,85%, no caso de resultar o IPC inferior ou superior respectivamente. Establécese, ademais, que nun prazo máximo de 15 días dende a publicación do dato definitivo da variación anual do IPC, celebrarase a reunión da Comisión Negociadora paras a actualización das táboas e a súa publicación no BOE.

Ao respecto das compensación por quilometraxe se fixa para este 2024 a 0,26 euros por quilómetros, ficando conxelada para os anos 2025 e 2026, así como os conceptos extrasalariais correspondentes aos gastos de manutención (dietas).

Ademais, increméntase nun punto a remuneración pola cesión dos dereitos de propiedade intelectual exclusivos dos intérpretes, pasando dun 5% a un 6%. Esta modificación entre en vigor o mes que vén.

Cómpre lembrar que este acordo chegou tras un complexo proceso de negociación, no que a parte patronal (especialmente as organizacións PATE e AECINE) mantiveron unha posición de bloqueo, adiamento constante e mesmo chantaxe cos obxectivos de conxelar as actualizacións salariais, co enorme prexuízo que estaba a implicar para o poder adquisitivo de actores e actrices. Esta actitude obrigou o sector a acudir á mediación do SIMA, cuxa proposta finalmente foi aprobada nos termos que hoxe se publican no BOE malia as fortes reticencias de PATE e AECINE para chegar a un acordo. A AAAG participa das negociacións da mesa paritaria a través de ConArte, confederación de sindicatos á que pertencemos.

CONSULTA AS TÁBOAS EN VIGOR AQUÍ.