Volver

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2024

Por Vero Rilo

Santiago de Compostela, marzo de 2024

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2024

“Cada vida é unha novela que se perde”. Así escribía Castelao, no limiar de Retrincos, e razón non lle faltaba... Podería ser o teatro as vidas que quedan, que non se perden, as posibles ou imaxinadas, as que foron, son e serán?

O teatro, se cadra único deus verdadeiro, crea vida á par que deixamos a vida nel.

E canto dura unha vida? Quen o sabe! O que sabemos é que cando facemos teatro detemos o tempo e non hai poder maior que o aquí e o agora. Que importa canto dura se sabemos como parar un mundo que non descansa, que chega ás carreiras e asfixiado, sobre(des)informado, indecentemente deshumanizado, onde todo é para xa, xa, xa. Aquí sentas e todo se detén. Faise o silencio. Silencio para compartir un espectáculo irrepetible nun presente constante. Quen non quere vivir así unha vida enteira? Se fósemos quen de poder decidir como vivila, claro! Acaso non esixe o teatro dedicarlle toda unha vida? Non é unha carreira de fondo na que permanecer apaixonadas e comprometidas dure o que dure? Cantas vidas enteiras nunha soa!

Pode ser este, regresando a iso de que o teatro é vida e deixamos a vida nel, un manifesto reivindicativo, sen quentar demasiado, para falar ás apuradas da precariedade laboral, dos variables apoios institucionais, da política das axudas que só alentan a dependencia, do afogamento administrativo, da censura, da toma de decisións xorda e allea ás demandas do sector, dos tratos de corredor, do conforto duns poucos fronte ao risco das moitas? Pode ser?

Se cadra aínda é cedo pero vai a idea sementada ata a colleita, que chegará sen dúbida: se de algo sabe o teatro é de resistencia e insistencia, tamén de rebeldía. Que llo digan a quen fixo un entroido permanente, ás que continuaron coa palabra viva no corpo e na boca, ás que falaron máis polo que calaron en segundos de silencio; que no silencio tamén se conta cando é sostido e voluntario sobre un escenario. Continuemos neste exercicio contra a desmemoria, imprescindible para derrubar a norma inxusta e demoledora. É cedo de máis para falar de Palestina?

Lembremos o compromiso colectivo, o enxeño para fuxir da pena e do penalizado, o poder matar o rei e saír impunes (máis ou menos). O teatro, compañeiras, é transgresión e hoxe festexámolo xuntas.

Quixera ser este o manifesto da alegría. Aínda estamos a tempo? Será que si. Será que sempre é momento para o riso, a máis potente das armas, ferramenta para mudar o mundo. Que ousadía! Mais aquí todo é posible.

Amosemos hoxe todos os dentes que entran nunha boca, sexan máis ou menos -iso agora non importa- para pasealos como bandeira, sen medo e rir nun acto de intelixencia, de desobediencia, de alegría imparable.

Gargalladas a mancheas, que si, ou sorrisos tímidos, tanto ten! O importante é non deixar de facelo. De verdade, que o dos dentes non importa, era un falar. Rir xuntas do ridículo, do odio, do frívolo, do sagrado, da covardía. Que o teatro e o riso fosen, alá onde chegasen, antídoto e cura de habela. E haina.

O teatro é vida, é rebeldía, alegría e tamén salvavidas; e quen puxo os pés nas táboas, ou arredor delas, sábeo. E neste día de festa estaría ben bailar a vida nun instante efémero.

Docentes, actrices, actores, equipas técnicas, quen dirixe, quen escribe, quen pensa, quen non cala, quen programa, amadísimo público, grandes, pequenas, bailen! Bailen todos, que diría Luísa Villalta. Agora comeza o verdadeiro espectáculo! Vivan as vidas e que non morra o teatro!

Vero Rilo

Santiago, de Compostela

Marzo de 2024

FOTO: Yolanda Ataraxia