Volver

A AAAG recibe o Premio de Honra Dorotea Bárcena do Fetega

Toni Salgado, vogal da Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), leu o seguinte discurso na recepción do galardón.

En nome da Asociación de Actores e Actrices, quero agradecerlle ao FETEGA este Premio de Honra Dorotea Bárcena. Os galardóns sempre cómpre valoralos non polos méritos de quen os recibe, senón pola traxectoria de quen os outorga e os galóns de quen os recibiu antes. No caso desta distinción, para a AAAG é un orgullo unirse á longa nómina de persoas e entidades galardoadas por un festival tan necesario como o Fetega, que ocupa dende hai máis de tres décadas un espazo privilexiado no imprescindible circuíto de mostras escénicas de Galicia.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é un chisquiño máis vella. Encamíñase cara aos corenta anos de historia. Moito mudou o mundo en xeral e a nosa escena en particular dende aquel 1985, ano da fundación da AAAG, até o día de hoxe. Nestas catro décadas de traxectoria, construímos dende o colectivo un sector, un teatro de nós, do aquí e máis do agora e tamén plural. Creamos un público ben diverso, unha profesionalización para todos os oficios vencellados ao feito teatral. Fundamos uns Premios de Teatro María Casares que en 2024 celebrarán a súa 28ª, puxémonos de acordo para darnos un Convenio de Actores e Actrices de Teatro. Reivindicamos os nosos dereitos laborais día si e día tamén e, ás veces, tivemos que reivindicar simplemente o dereito de traballar nun escenario... mesmo de existir sobre un escenario.

Non está na miña intención acaparar para a AAAG todos estes méritos, porque son froito do esforzo colectivo, dun traballo conxunto e de país que conta con moitos alicerces dende aquel Abrente até hoxe. Mais si cómpre lembrar que a AAAG. como entidade sindical formou, forma e formará parte esencial de todo ese afán de construción como tamén forman parte os festivais de artes escénicas. Son un puntal fundamental para crear tecido, crear sector e crear públicos. Sen encontros como este Festival do Teatro Galego Celso Parada o noso teatro non sería e de ser, sería outro máis eivado e máis cativeiro.

Por iso, en nome da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, reitero de novo ás grazas ao FETEGA... Pero non só por este galardón, polo cal sentimos inmensa gratitude, senón tamén polo traballo que desenvolvedes dende o Carballiño dende fai 34 edicións. Un encontro como o FETEGA, que confecciona cada ano un cartel con propostas que nacen dende o noso teatro e dende a nosa lingua, cumpre cunha función capital tanto para nós, xentes da escena, como para o público.

Fetega, ademais, exerce este labor dende a memoria e lembra os nosos compañeiros Dorotea Bárcena e Celso Parada, membros da AAAG durante décadas e exemplos a seguir para as novas xeracións. Fetega, igual que Celso, igual que Dorotea e igual que a AAAG construímos teatro, construímos país. Fixémolo durante décadas e seguirémolo a facer.

Moitísimas grazas por este galardón, moitísimas grazas polo voso traballo. Viva o teatro. E viva o Fetega.

Foto: FETEGA