Volver

Os XXVII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras

>> ‘As que limpan’, de A Panadaría, faise con catro galardóns (espectáculo, dirección, actriz protagonista e texto orixinal) mentres que ‘O porco de pé’, de Producións Teatráis Excéntricas leva tres (adaptación-tradución, actor secundario e vestiario)

>> ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, do Centro Dramático Galego, acada dous premios (dirección de movemento e espazo escénico), igual que ‘Smoke on the water’, de Ibuprofeno Teatro (actor protagonista e espazo sonoro), e ‘O deus do pop, de Diego Anido (iluminación e tamén dirección de movemento)

>> ‘A nena que vivía nunha caixa de mistos’, de Caramuxo Teatro, gaña no apartado de mellor espectáculo infantil e ‘Xela contra o Dragón Traga-verbas’, na nova categoría de espectáculos de monicreques, obxectos e figuras animadas

Os XXVII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. Un total de 15 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos 16 galardóns nos que se dividen os premios, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis. En total, nunha noite moi repartida, nove espectáculos gañaron algún premio. As que limpan, de A Panadaría, conquistou catro galardóns: espectáculo, actriz protagonista (Noelia Castro), dirección e texto orixinal (nestes dous apartados recoñécese de forma conxunta a Areta Bolado, a Ailén Kendelmán e a Noelia Castro).

Pola súa banda, O porco de Pé, montaxe de Producións Teatráis Excéntricas, conquistou tres galardóns (adaptación-tradución para Quico Cadaval e Pepe Sendón, vestiario para Carlos Alonso e actor secundario para Evaristo Calvo), mentres que Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, se fixo con dous (espazo sonoro para Mon Orencio e actor protagonista para Josito Porto). Outros dous María Casares acadou Ás oito da tarde, cando morren as nais do Centro Dramático Galego (espazo escénico para Blanca Añón e dirección de movemento para Rut Balbís, este último ex aquo). O deus do pop, de Diego Anido, tamén acadou dous galardóns (Iluminación para Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda e dirección de movemento para o propio Diego Anido e Guillermo Weickret, este último ex aquou)

Tïteres Cachirulo coa súa obra Xela contra o dragón Traga-Verbas gañou na nova categoría de monicreques, obxectos e figuras animadas. No apartado de espectáculo infantil, foi a compañía Caramuxo Teatro quen triunfou coa súa obra A nena que vivía nunha caixa de mistos. A relación de espectáculos premiados completouse con dúas obras que gañaron un galardón cada unha: Papagena, de ButacaZero (maquillaxe para Diego Valeiras) e A peste, do Centro Dramático Galego (actriz secundaria para María Roja).

En resumo, os/as gañadores/ divididos por espectáculos son:

  1. As que limpan, de A Panadaría (4 premios): espectáculo, dirección, actriz protagonista e texto orixinal
  2. O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (3 premios): adaptación-tradución, actor secundario e vestiario
  3. Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro (2 premios): actor protagonista e espazo sonoro
  4. Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego (2 premios): dirección de movemento ex aquou e espazo escénico
  5. O deus do pop, de Diego Anido (2 Premio): iluminación e dirección de movemento ex aquou.
  6. A peste, do Centro Dramático Galego (1 premio): actriz secundaria
  7. Papagena, de Butacazero (1 premio): maquillaxe
  8. A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro (1 premio): espectáculo infantil
  9. Xela contra o Dragón Traga-verbas, de Títeres Cachirulo (1 premio): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

En resumo, gañadores/as por categoría:

MAQUILLAXE: Diego Valeiras por Papagena, de ButacaZero

VESTIARIO: Carlos Alonso por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas

ILUMINACIÓN: Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda por O deus do pop, de Diego Anido

ESPAZO ESCÉNICO: Blanca Añón por Ás oito da tarde, cando morren as nais do CDG

ESPAZ SONORO: Mon Orencio por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.

ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Quico Cadaval e Pepe Sendón por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.

TEXTO ORIXINAL: Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría

ACTOR PROTAGONISTA: Josito Porto por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.

ACTRIZ PROTAGONISTA: Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría.

ACTRIZ SECUNDARIA: María Roja por A peste, do Centro Dramático Galego

ACTOR SECUNDARIO: Evaristo Calvo por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.

DIRECCIÓN: Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría

DIRECCIÓN DE MOVEMENTO: Premio ex aequo aRut Balbís por As oito da tarde, cando morren as nais, do CDG, e a Diego Anido e Guillermo Weickret por O deus do pop.

ESPECTÁCULO: As que limpan, de A Panadaría.

ESPECTÁCULO INFANTIL: A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro

ESPECTÁCULO DE MONICREQUES, OBXECTOS E FIGURAS ANIMADAS: Xela e o Dragón Traga-Verbas, de Títeres Cachirulo.

A GALA

Un espectáculo cheo de bo humor, de ironía e de novo circo no que o protagonismo se centrou nos oficios invisibles da escena e nos xéneros escénicos que se sitúan ás marxes do teatro convencional. Así foi a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, cuxa dirección recaeu en Marcos Ptt. Ao escenario do Teatro Rosalía Castro da Coruña subiu un elenco conformado por Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen ademais de dirixir e actuar, asinou o guión xunto a Antón Coucheiro. O equipo artístico completouse con Carlos Alonso no deseño de vestiario e escenografía, NachoFaiaLar (trío formado por Nacho Muñoz, Faia Díaz e L.A.R. Legido) na música en directo e Dani Pais na iluminación. Durante a gala Cloti Vaello recolleu o Premio de Honra Marisa Soto e Clara Gayo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu a gala, á que asistiron unhas 500 persoas. Entre os convidados, atopábanse a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, (Agadic), Jacobo Sutil; a subdelegada da Goberno, María Rivas; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular Miguel Lorenzo e Roberto Coira, os concelleiros do grupo municipal de Marea Atlántica María García e Iago Martínez, os concelleiros do grupo municipal do BNG Francisco Jorquera e Avia Vieira, ou o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

DISCURSO XUNTA DIRECTIVA DA AAAG

A gala, que foi retransmitida por Youtube a través da canle dos Premios María Casares, contou co discurso de Xosé Barato, presidente da AAAG, quen iniciou a súa intervención saudando a profesión escénica que se reunía no Teatro Rosalía Castro no gran festa do noso teatro e tamén ao público que seguía a gala dende os seus fogares. Barato lamentou que a TVG levara cinco edicións sen retransmitir os Premios María Casares, o cal considerou como “unha anomalía e unha falta de respecto”. Ademais, no seu discurso, trasladouse a “solidariedade” da AAAG “con todo aquel que se mobiliza baixo un lema claro: Por uns medios públicos de calidade, por uns medios públicos sen manipulacións”

O presidente da AAAG tamén aproveitou a ocasión para lembrar a María Casares, ao ano seguinte do seu centenario. “O teatro é político ou non o será. Dicíao María Casares. A profesión escénica, que por unha noite senta no patio de butacas para ser público, está hoxe aquí reunida para celebrar un oficio de forma pública. Tamén de forma política. E como falamos de política e do público, non nos queda máis remedio que falar dunha cuestión que nos é vital: a precariedade”, sinalou Barato, antes de afondar na necesidade de seguir avanzando na defensa dos dereitos laborais dos actores e actrices.

“Algo común a todos os que nos dedicamos a este oficio segue sendo a citada precarización. Por iso un dos obxectivos desta asociación é a mellora dos convenios que nos rexen. Nos últimos tempos, demos certos pasos para loitar contra esta precarización coas medidas que se foron aprobando no chamado Estatuto do Artista. Pero aínda queda moito por avanzar. Cómprenos dar a pelexa hoxe para garantirnos o futuro”, concluíu o presidente da AAAG.