Volver

Os XXVII Premios María Casares homenaxearán este xoves “os xéneros escénicos das marxes” e os “oficios invisibles” do teatro

A gala conta cun elenco conformado por Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen asina o guión xunto a Antón Coucheiro. Carlos Alonso encárgase tanto do vestiario coma da escenografía e NachoFaiaLar poralle música á gala dos María Casares

A entrega dos galardóns celebrarase no Teatro Rosalía Castro da Coruña este xoves e será emitida en directo a través da Canle de Youtube dos Premios a partir das 20.30.

Un espectáculo cheo de “bo humor, de ironía e de novo circo” no que o protagonismo “recaerá nos oficios invisibles do teatro e nos xéneros escénicos que se sitúan ás marxes” do teatro convencional. Así será a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que se celebra este xoves a partir das 20.30 horas no Teatro Rosalía Castro da Coruña. “Teremos unha gala con circo, con clown, con monicreques e con complicidade con outros xéneros, todo para entreter os entretedores, xa que por un día, durante os María Casares, a profesión teatral como colectivo se converte no máis importante deste oficio: no público. E farémolo dende ás marxes, dende a periferia da periferia do sector teatral” explicou Marcos Ptt, director da gala esta mañá en rolda de prensa no Concello da Coruña xunto ao primeiro tenente de alcaldesa da Coruña, Juan Borrego; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a secretaria da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Arantza Villar.

Durante a rolda, Marcos Ptt (Lugo, 1977) tamén se referiu ao elenco que subirá ao escenario do Rosalía Castro este xoves, conformado por Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen ademais de dirixir e actuar, asina o guión xunto a Antón Coucheiro. “É un elenco interxeracional, na que nos mesturamos a primeira xeración do novo circo galego xunto con novos nomes desta disciplina” sinalou Ptt sobre un equipo artístico que se completa con Carlos Alonso no deseño de vestiario e escenografía, NachoFaiaLar (trío formado por Nacho Muñoz, Faia Díaz e L.A.R. Legido) na música en directo e Dani Pais na iluminación.

Ampliación de categorías

Ptt aproveitou a súa intervención para celebrar que este ano os Premios María Casares ampliasen as súas categorías ao pasar de 14 a 16 para incluír así o premio á dirección do movemento e o premio ao espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas. “Estes dous novos premios, que fan os María Casares máis globais, son o motivo sobre o que artellamos a gala que veremos este xoves”, concluíu o director do espectáculo.

Sobre a ampliación de categorías tamén se manifestou Arantza Villar, secretaria da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que organiza os premios dende a súa posta en marcha en 1997. “Este ano mudamos as bases co obxectivo de ampliar horizontes, de modernizar o certame e adaptarnos ás novas correntes artísticas que definen hoxe por hoxe a nosa produción escénica”, sinalou Villar, quen tamén lembrou que os tradicionais apartados de escenografía e música orixinal deron paso aos de espazo escénico e espazo sonoro respectivamente.

Regreso ao Día Mundial do Teatro

A secretaria da AAAG celebrou que. tras tres anos, a gala dos Premios do Teatro se celebre de novo na semana do Día Mundial do Teatro. “Nas últimas edicións, por mor da pandemia, dos periódicos peches de espazos públicos e das diferentes restricións, “o calendario da tempada escénica mudou por completo, pero este ano todo está normalizado e podemos volver falar dos María Casares nun día coma hoxe, 27 de marzo, Día Mundial do Teatro”, reflexionou Villar para logo concluír lembrando que a gala “poderase seguir por streaming a través da canle dos Premios de Teatro María Casares”.

Os Premios María Casares están organizados dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) co patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Agadic, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación ASIGE, a Fundación SGAE e Gadisa. Durante a gala, Cloti Vaello recollerá o Premio de Honra Marisa Soto e Clara Gayo lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

Quince obras finalistas

O espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego, aspira neste 2023 a levar nove premios María Casares (dirección, dirección de movemento, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, espazo escénico, iluminación, texto orixinal e vestiario), igual que a obra As que limpan, da compañía A Panadaría (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria por partida dupla, espazo sonoro, maquillaxe e texto orixinal).

Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, pelexará por seis galardóns (actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico, espazo sonoro, maquillaxe), como tamén o fará O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (espectáculo, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor protagonista, actor secundario e vestiario).

Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, opta a cinco Premios María Casares (dirección, texto orixinal, actriz protagonista, espazo sonoro e iluminación), mentres que O Deus do Pop, de Diego Anido, aspira a catro galardóns (espectáculo, actor protagonista, dirección de movemento e iluminación). Por idéntico número de premios compite A peste, do Centro Dramático Galego (adaptación-tradución, actriz secundaria, espazo escénico e vestiario).

Ragazzo, da compañía Barrosanta, aspira a dous galardóns (actor protagonista e adaptación-tradución). Por un premio pelexarán Papagena, de Butacazero (maquillaxe); e Ninja, de Teatro Ghazafelhos; Wombo combo, de Galeatro, e A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro. Estas tres pezas competirán unicamente polo premio ao mellor espectáculo infantil.

Polo premio de nova creación para os espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas competirán tres montaxes que tamén son finalistas unicamente nesta categoría: A barca do inferno, de Nauta Teatro; Raio The Loubican, de mircromina, e Xela contra o Dragón Traga-verbas (Títeres Cachirulo).

MANIFESTO GALEGO DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO

LISTAXE FINALISTAS