Volver

Marcos Ptt dirixirá a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares

>> A gala conta cun elenco conformado por Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen asina o guión xunto a Antón Coucheiro. Carlos Alonso encárgase tanto do vestiario coma da escenografía e NachoFaiaLar poralle música á gala dos María Casares

>> A entrega dos galardóns celebrarase o xoves 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña e será retransmitida por streaming a través da canle de Youtube da AAAG

Marcos Ptt (Lugo, 1977) dirixirá a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o próximo xoves 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. O guión da cerimonia estará asinado polo propio Ptt xunto a Antón Coucheiro, mentres que o elenco estará conformado por Natalia Outeiro Pajarito, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o proio Ptt. A música correrá a cargo de NachoFaiaLar (trío de Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido), o deseño tanto do vestiario coma da escenografía será de Carlos Alonso e a iluminación, de Dani Pais.

Durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE e GADIS, terán gran protagonismo disciplinas artísticas como o circo, os monicreques ou o cabaré. A gala emitirase por streaming a través da canle de Youtube que a AAAG mantén para os Premios María Casares.

Marcos Ptt, artista multidisciplinar vencellado ao teatro, ao teatro de obxectos e o novo circo, exerce como actor, showman, bailarín de claqué, clown e director de escena. Dende os seus inicios profesionais, traballou con compañías como Belmondo, Chévere, Producións Teatráis Excéntricas ou Pistacatro. En 2006, fundou El Retretre de Dorian Gray xunto ao mago Ezra Moreno. Con esta formación estreou espectáculos como Retrete Cabarete, In memoriam, Rúa Aire ou Ne me quitte pas.

15 espectáculos finalistas

O espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego, aspira neste 2023 a levar nove premios María Casares (dirección, dirección de movemento, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, espazo escénico, iluminación, texto orixinal e vestiario), igual que a obra As que limpan, da compañía A Panadaría (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria por partida dupla, espazo sonoro, maquillaxe e texto orixinal).

Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, pelexará por seis galardóns (actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico, espazo sonoro, maquillaxe), como tamén o fará O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (espectáculo, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor protagonista, actor secundario e vestiario).

Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, opta a cinco Premios María Casares (dirección, texto orixinal, actriz protagonista, espazo sonoro e iluminación), mentres que O Deus do Pop, de Diego Anido, aspira a catro galardóns (espectáculo, actor protagonista, dirección de movemento e iluminación). Por idéntico número de premios compite A peste, do Centro Dramático Galego (adaptación-tradución, actriz secundaria, espazo escénico e vestiario).

Ragazzo, da compañía Barrosanta, aspira a dous galardóns (actor protagonista e adaptación-tradución). Por un premio pelexarán Papagena, de Butacazero (maquillaxe); e Ninja, de Teatro Ghazafelhos; Wombo combo, de Galeatro, e A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro. Estas tres pezas competirán unicamente polo premio ao mellor espectáculo infantil.

Polo premio de nova creación para os espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas competirán tres montaxes que tamén son finalistas unicamente nesta categoría: A barca do inferno, de Nauta Teatro; Raio The Loubican, de mircromina, e Xela contra o Dragón Traga-verbas (Títeres Cachirulo).

FOTO: Carlota Mosquera.