Volver

A ilustradora Julia Lago asina o cartel dos XXVII Premios de Teatro María Casares

A gala de entrega dos galardóns celebrarase o xoves 30 de marzo un ano máis no Teatro Rosalía Castro da Coruña

A relación de finalistas deste 2023 darase a coñecer mércores 1 de marzo durante a tradicional Festa de Finalistas que, coa presentación de Arantxa Treus, terá lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia en Santiago

Julia Lago asina o cartel dos XXVII Premios de Teatro María Casares. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confiou este ano na ilustradora e debuxante de cómic coruñesa para crear a imaxe dos María Casares, dándolle así continuidade á iniciativa principiada en 2017 de encargar o deseño dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e mais o ámbito da ilustración, da banda deseñada e mais do deseño gráfico. En convocatorias anteriores deseñaron o cartel dos galardóns Andrea López, David Rubín, Xulia Vicente, Leo Sousa ou Aldara Prado.

Julia Lago (A Coruña, 1994) é artista gráfica. Exerce principalmente como ilustradora e debuxante de cómic. Lago é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cun máster en Ilustración e Deseño pola Politécnica de Valencia. Combina a produción propia con proxectos editoriais e publicitarios. Con Nós seis, o seu primeiro cómic, gañou o Premio Castelao de banda deseñada. No ano 2022 abriu na Coruña a galería Grelería, un espazo especializado na obra gráfica e outras artesanías contemporáneas que foi merecente das axudas Injuve pola Creación Joven.

Para o cartel dos María Casares desta edición, Julia Lago recibiu o encargo de elaborar un deseño que fose aglutinador coas disciplinas artísticas que, con frecuencia, fican ás marxes en liña coa idea central sobre a que se artellará a gala. Procúrase así reivindicar disciplinas como o circo, a impro, o cabaré ou a narración oral nun ano en que os Premios María Casares inclúen dúas novas categorías: Premio á Mellor Dirección de Movemento e Premio ao Mellor Espectáculo de Monicreques. Así, seguindo este sentir, Julia Lago desenvolveu unha “estética circense” para incluír dun xeito global todas as artes escénicas sen recorrer á simboloxía máis “clásica e habitual de palcos, panos de veludo vermello, máscaras e butacas”. Lago recoñece, ademais, que é “unha honra” sumar o seu nome á listaxe de autoras e autores que se encargaron do deseño do cartel dos Premios María Casares.

Festa de Finalistas

Os espectáculos e profesionais finalistas dos XXVII Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer o vindeiro mércores, 1 de marzo, durante a tradicional Festa de Finalistas que este ano volverá celebrarase en Santiago, na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. A actriz Arantxa Treus encargarase de conducir o evento.

A gala de entrega terá lugar o xoves 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os Premios María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa posta en marcha en 1997 e conta cada ano coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadisa.