
Desde a Confederación de Artistas-Traballadores do Espectáculo, ConArte, entidade que agrupa a once sindicatos de intérpretes de sete comunidades autónomas na que se integra a AAAG, queremos trasladar a nosa satisfacción pola aprobación do Real Decreto-lei que recolle dúas das principais reivindicacións que desde hai anos vimos defendendo, o recoñecemento da intermitencia do sector e a compatibilidade da xubilación coa actividade artística.
Para chegar ata este recoñecemento legal debémonos remontar á aprobación do informe para a elaboración do Estatuto do Artista en decembro de 2018, tras dous anos de comparecencias que empezaron en xuño de 2016, no que se recoñecía a necesidade de modificacións en múltiples normas do ámbito de contratación, Seguridade Social e de IRPF dos traballadores da cultura, tanto técnicos como artistas. Por aquel entón, foron poucas e a contagotas as medidas aprobadas para adoptar estas recomendacións.
Conseguíronse a creación da situación de inactividade para garantir o acceso ás prestacións de maternidade/paternidade, a compatibilidade da xubilación cos dereitos de autor ou a inclusión dos técnicos e o persoal auxiliar da cultura no ámbito de aplicación da relación laboral especial regulado no RD 1435/1985. Medidas que permitiron adaptar minimamente a lexislación á realidade dos traballadores da cultura.
Con todo, ata o día de hoxe as dúas medidas que a xuízo de ConArte eran esenciais resistíronse: a intermitencia e a compatibilidade do traballo e a pensión.
Coa publicación, hoxe, mércores 11 de xaneiro, no BOE da Real Decreto-lei 1/2023 de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas, recóllese na súa disposición adicional 51 unha prestación de desemprego especial para os traballadores da cultura adaptada ás súas especialidades de contratación, a intermitencia, que permitirá encher ocos e ter vidas laborais completas que permitan un acceso a pensións de xubilación dignas.
Esta prestación, que recolle practicamente íntegra a proposta elaborada por ConArte en 2019, establece unha prestación contributiva que cotiza a xubilación, á que se accede con 60 días de traballo efectivo nun período de 18 meses, ou de 180 días cotizados no período de 6 anos, cunha contía de entre o 80 e o 100% do IPREM e cunha duración de 120 días de prestación.
Esta medida permitirá un acceso ao sistema de protección adaptado á intermitencia propia da maioría dos traballadores da cultura e alternativo á prestación por desemprego ordinaria.
Ademais, as disposicións finais primeira e cuarta recoñecen a compatibilidade da pensión de xubilación co desenvolvemento de traballos por conta allea no ámbito artístico e de creación, para todos os efectos e en toda a súa extensión (clases pasivas, pensión ordinaria e pensións non contributiva). O que supón un importante avance para erradicar condutas indeseadas nunha profesión netamente vocacional.
Tras arduas negociacións e unha longa reclamación para o recoñecemento das especificidades do traballo dos e as artistas, estas medidas supoñen un gran paso na adaptación das normas xerais á realidade deste colectivo que sen recuperarse da crise económica viuse especialmente golpeado pola pandemia. Sabemos que aínda queda moito por facer para a dignificación do sector, pero con este logro achegámonos máis aos obxectivos que no seu día nos propuxemos co Estatuto do Artista.