Volver

A AAAG convoca os XXVII Premios de Teatro María Casares, renova as bases dos galardóns e modifica as súas categorías

A inscrición desta edición abre hoxe, mércores 14 de decembro. As compañías teñen até o 9 de xaneiro para presentar os seus espectáculos aos 16 galardóns nos que se dividen a partir de agora os María Casares

Créanse os apartados de mellor dirección de movemento e mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas. O premio á escenografía convértese en mellor espazo escénico e o galardón á música orixinal, en espazo sonoro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, convoca os XXVII Premios de Teatro María Casares. Nesta edición os galardóns experimentarán, tras consultas a diferentes axentes do sector e a aprobación do corpo asociativo da AAAG en asemblea, diferentes modificacións nas súas bases, no seu funcionamento e no número de categorías. Todos os cambios responden á necesidade de adaptar ás novas realidades do sector os Premios María Casares, que practicamente non alteraron as súas bases dende a súa posta en marcha en 1997. Deste xeito, procúrase modernizar os galardóns e reflectir a diversidade da escena actual con categorías máis amplas e inclusivas.

O primeiro destes cambios é a substitución nas bases da expresión “teatro de actor” por “teatro de actriz/actor”. Tamén se matizará o requisito da lingua para non excluír obras que carezan de texto falado. Así, o certame continuará a admitir en exclusiva espectáculos en lingua galega, mais tamén se aceptarán a concurso aquelas obras que non teñan texto falado, pero que si empreguen o noso idioma en todo o material de difusión, no programa de man, na sinopse, etc.

Novas categorías

Os Premios María Casares pasarán de entregar 14 galardóns a 16 ao recoñecer dous novos apartados. O primeiro deles é o de mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, que nace co obxectivo de englobar nos María Casares unha disciplina de longa tradición no país. O segundo é o premio á mellor dirección de movementos, que procura recoñecer un traballo cada vez máis presente nos espectáculos teatrais.

Ademais, dúas categorías habituais nos Premios María Casares alterarán a súa nomenclatura. Mellor escenografía pasa a ser mellor espazo escénico e mellor música orixinal será espazo sonoro. Estas novas denominacións resultan máis acaídas para os traballos que se desenvolven na actualidade nas producións teatrais.

Por último, as bases inclúen un novo condicionante: para considerar unha categoría a concurso, deben rexistrarse un mínimo de tres candidaturas na primeira fase. En caso contrario, ese galardón ficará sen conceder.

Os Premios de Teatro María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende o ano 1997. Dende a súa creación, os galardóns convértense no gran escaparate da produción teatral de Galicia e contan de forma tradicional co patrocinio de entidades e institucións como o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE ou Gadis. Os espectáculos e profesionais galardoados danse a coñecer cada ano nunha gala que se celebra no Teatro Rosalía Castro da Coruña e nela tamén se fai entrega do Premio de Honra Marisa Soto.

Podes consultar as bases aquí

Foto: Gala dos XXVI Premios María Casares, celebrada en xuño deste 2022