Volver

Presentación do Estatuto do Artista no Culturgal

Baixo o título “Introdución ao estatuto do Artista”, faremos unha primeira aproximación ao estatuto cunha charla da avogada Sara Mora e un tempo para preguntas da asistencia o sábado 26 ás 18h.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade de carácter sindical que agrupa a preto de 350 profesionais da interpretación, vai organizar dous encontros para dar a coñecer os obxectivos, desenvolvemento e estado de tramitación do Estatuto do Artista.

O primeiro deles terá lugar este sábado 26 de novembro, ás 18h no espazo profesional do 15º Culturgal, Feira das Industrias Culturais que se celebra o 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Nesta primeira acción, baixo o título “Introdución ao estatuto do Artista”, faremos unha primeira aproximación ao estatuto cunha charla da avogada Sara Mora e un tempo para preguntas da asistencia.

A actividade precisa de preinscrición https://culturgal.moncake.com/entradas/actividades-con-preinscricion

Sara Mora é avogada licenciada pola Universidade Complutense de Madrid, especialista en artistas e letrada de ConArte, Confederación de sindicatos de intérpretes presente en sete comunidades autónomas na que se integra a AAAG.

Gran coñecedora da situación do traballo dos artistas no estado pola súa propia condición de artista e por ser a letrada da Unión de Actores e de FAEE (Federación de Artistas precursora de ConArte) desde 2004, participando desde entón na negociación de convenios colectivos estatais e autonómicos do sector, entre eles os estatais de actores e actrices do audiovisual, o de salas de festas ou o de Teatro de Madrid. Participou ademais en múltiples mesas de traballo con outras asociacións de traballadores e empresas do sector e as administracións públicas en defensa dos intereses dos artistas e en múltiples charlas e coloquios sobre a relación laboral especial de artistas en espectáculos públicos.

Foi relatora en dúas ocasións diante da subcomisión do congreso para a elaboración do estatuto do artista. Na primeira, o 14 de setembro de 2017, expuxo un informe sobre a situación laboral e de seguridade social dos artistas, elaborado a pedimento da Plataforma de Defensa da Cultura, diferenciando os problemas dos artistas por conta allea e os creadores/artistas cuxo traballo ten natureza de traballo por conta propia, abordando cuestións relacionadas co RD 1435/1985, as prestacións de Seguridade Social ou coa compatibilidade coas prestacións por xubilación.

O segundo encontro terá lugar o sábado 3 de decembro, entre as 11:30h e as 14h na sede da Fundación SGAE de Santiago de Compostela. Este encontro terá unha estrutura dividida en dúas partes. Na primeira delas, cunha dinámica de xogo, presentaranse á asistencia unha serie de preguntas divididas en bloques temáticos, e na segunda un panel de expertas. Unha vez finalicemos a dinámica do xogo pasaremos a unha Mesa de expertos onde se tratarán os bloques vistos no xogo, pero dunha maneira máis técnica e desenvolvida. Tamén se abrirá espazo para que os asistentes formulen as súas preguntas, dúbidas e/ou suxestións. Teredes cumprida información nos vindeiros días