Volver

Convocatoria de manifestación en defensa da CRTVG

Etiquetas:

O Comité Intercentros dos medios públicos e máis de 30 organizacións do país chaman á cidadanía a tomar as rúas de Compostela para rescatar a TVG e a RG do secuestro do executivo galego

O Comité Intercentros da CRTVG e máis de trinta organizacións e colectivos políticos, sindicais e sociais galegas, entre os que se atopa a AAAG anunciaron hoxe en rolda de prensa a convocatoria dunha gran manifestación que terá lugar o vindeiro domingo, 6 de novembro, nas rúas de Compostela baixo o lema “Por unha CRTVG ao servizo do pobo”.

Os convocantes, que fixeron hoxe público o manifesto que recolle as demandas colectivas que teñen en común, consideran que o executivo galego mantén secuestradas a radio e a televisión públicas de Galiza, antepoñendo os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público. Pode lelo premendo AQUÍ

Neste contexto de deterioramento progresivo da CRTVG e de abandono das misións que ten encomendadas, chaman á sociedade galega a saír ao rescate dos seus medios e manifestan a súa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública que difunda contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, como a igualdade e a non discriminación, e a calidade da propia democracia.

Demandan ademais unha programación que preste especial atención á infancia e á mocidade, que promova e defenda a identidade, a cultura e a lingua propias de Galiza, que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente, e que erradique dunha vez por todas a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.

Instan tamén aos poderes públicos de Galiza ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación por unha maioría cualificada do Parlamento do Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, a quen acusan de ser designado a dedo hai 13 anos polo noutrora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a quen consideran expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público.

Os máis de trinta colectivos e organizacións que pulan polo éxito desta mobilización que agardan masiva, anunciaron tamén hoxe un calendario de actos previos de divulgación da mesma, como concentracións nas sete principais cidades do país nas vindeiras semanas para dar a coñecer a problemática que atravesan os medios e a necesidade de dar unha resposta conxunta como sociedade. A partir de agora poderanse seguir nas redes sociais todos os contidos relacionados con esta manifestación a través do Facebook Por unha CRTVG ao servizo do pobo, e das contas de Twitter e Instagram @RescataraCRTVG.

Organizacións:

Comité Intercentros da CRTVG, A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en LIngua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CNT, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGT-Galicia, Vía Galega.

Facebook Por unha CRTVG ao servizo do pobo

Twitter e Instagram @RescataraCRTVG