Volver

O Concello da Coruña inicia o vindeiro martes no Kiosko Alfonso a gravación ao vivo dun ‘podcast’ sobre a vida de María Casares coa colaboración da AAAG

>>Os martes 5, 12 e 19 de xullo celebraranse as sesións de gravación, que serán abertas ao público. Nelas percorrerase a vida da actriz grazas á condución de María Lopo e ás lecturas das intérpretes Cora Velasco, Rebeca Solla e María Francelina

>>Este sábado, 2 de xullo, celebrarase a segunda quenda do roteiro sobre a figura da actriz conducido por Emilio Grandío e a propio Lopo. No itinerario participarán os intérpretes Gonzalo Uriarte e Matilde Blanco

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) está a colaborar co Concello da Coruña na organización de diferentes actividades para conmemorar a figura de María Casares no ano do seu centenario e co obxectivo de apoiar a dinamización da exposición retrospectiva sobre a actriz que acolle o Kiosko Alfonso até o 24 de xullo. Así o próximo martes, 5 de xullo, celebrarase a primeira das tres sesións de gravación dun podcast biográfico sobre María Casares. Baixo o título María Casares: Da Coruña a Residente privilexiada, este ciclo de gravacións analizará polo miúdo a traxectoria da actriz dende diferentes prismas grazas á condución de María Lopo, que contará co acompañamento de lecturas dramatizadas coas que diferentes intérpretes asociadas á AAAG lles darán voz a textos escritos pola propia Casares. As tres sesións celebraranse no auditorio do segundo andar do Kiosko Alfonso os martes 5, 12 e 19 de xullo ás 19.00 horas e estarán abertas ao público. O acceso será gratuíto até cubrir a capacidade do recinto.

A sesión do próximo martes abordará os anos da infancia que Casares pasou na súa Coruña natal e a visión de Galicia que conservou ao longo da súa vida. Nacida en 1922, a filla de Santiago Casares Quiroga e Gloria Pérez Corrales viviu a nenez a medio camiño entre a casa familiar da Rúa Panaderas e Montrove, onde pasou os veráns con longas xornadas na praia de Bastiagueiro. As primeiras amizades, os espertares, as relacións familiares coa cidade e a marcha en 1931 a Madrid serán algúns dos aspectos tratados por Lopo, que nesta primeira sesión contará coas lecturas da actriz Cora Velasco.

O martes 12 de xullo será a quenda do exilio. O inicio da Guerra Civil, a fuxida a Francia, a súa condición de refuxiada primeiro e de residente privilexiada despois ou o seu regreso teatral frustrado -e frustrante- coa peza O adefesio, de Rafael Alberti, serán algunhas das claves desta cita na que tamén intervirá a actriz Rebeca Solla.

O ciclo rematará o martes 19, cunha xornada dedicada á súa carreira teatral. A gravación dese día porá o foco na prolífica traxectoria da actriz na escena gala. A súa estrea en 1942 no Teatro Les Mathurins, a súa pegada no histórico Festival de Avignon, os seus anos na Comedia Francesa, o seu paso polo Teatro Nacional Popular ou os seus traballos con autores como Albert Camus ou Jorge Lavelli serán os fitos principais desta sesión na que participará, xunto a Lopo, a actriz María Francelina.

Roteiro María Casares

Este sábado, 2 de xullo, celebrase a segunda quenda do roteiro pola Coruña emocional na que medrou María Casares que organiza o Concello da Coruña coa colaboración da AAAG. A ruta urbana, cuxa primeira entrega se celebrou xa o pasado 18 de xuño, está guiada polo historiador Emilio Grandío e a investigadora María Lopo. O itinerario contará coa participación do actor Gonzalo Uriarte, quen se encargará de ler diferentes cartas que Santiago Casares Quiroga escribiu á súa filla, e de Matilde Blanco, quen lle porá voz á propia Casares ao ler fragmentos das súas memorias Residente Privilexiada. O punto de saída será a Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12) ás 12.00 h. As trinta prazas para asistir ao traxecto xa están cubertas.