Volver

O Concello da Coruña convoca un roteiro sobre a figura de María Casares e a gravación dun podcast sobre a vida da actriz coa colaboración da AAAG

O historiador Emilio Grandío e a investigadora María Lopo guiarán a ruta urbana os sábados 18 de xuño e 2 de xullo. Matilde Blanco e Gonzalo Uriarte lerán textos da propia María Casares e de Casares Quiroga

Os martes 5, 12 e 19 de xullo o Kiosco Alfonso acollerá sesións de gravacións dun podcast abertas ao público nas que se percorrerá a vida da actriz grazas á condución de María Lopo e as lecturas de actrices

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) colaborará co Concello da Coruña na organización de diferentes actividades para conmemorar a figura de María Casares no ano do seu centenario e co obxectivo de apoiar a dinamización da exposición retrospectiva sobre a actriz que acolle Kiosko Alfonso até o vindeiro 24 de xullo. Deste xeito, a AAAG implicarase nun roteiro que percorrerá as rúas da Coruña emocional na que medrou María Casares e na gravación dun podcast biográfico en tres sesións que se celebrarán no propio Kiosko Alfonso. As dúas actividades desenvolveranse abertas ao público e contarán coa participación de actores e actrices.

O roteiro disporá de dúas convocatorias, celebrándose a primeira delas este sábado, 18 de xuño. A ruta urbana, que transitará por espazos de especial significado nos primeiros anos de María Casares, estará guiado polo historiador Emilio Grandío e a investigadora María Lopo e contará coa participación do actor Gonzalo Uriarte, quen se encargará de ler diferentes cartas que Santiago Casares Quiroga escribiu á súa filla, María Casares. Pola súa banda, Matilde Blanco poralle voz á propia Casares ao ler fragmentos das súas memorias Residente Privilexiada. O punto de saída será a Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12) ás 12.00 h. A segunda convocatoria será o sábado 2 de xullo.

Cada un dos roteiros, que ten unha duración aproximada de dúas horas, conta cun total de 30 prazas e para acudir como público, cómpre a inscrición previa a través do formulario que se habilitará dende mañá a partir das 10.00 h. na páxina web da AAAG: www.aaag.gal. A reserva de praza será por estrito orde de inscrición e cada persoa poderá reservar un máximo de dúas prazas.

Podcast biográfico

A segunda das actividades que organiza o Concello da Coruña coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) leva por título María Casares: da Coruña a Residente privilexiada. Tratarase da gravación dun perfil biográfico a través da presentación de María Lopo, comisaria da exposición María Casares, actriz océano. Itinerario dunha exiliada, e a lectura dramatizada de diferentes actrices de textos importantes na traxectoria da célebre interprete nacida na Coruña en 1922.

A gravación, que se desenvolverá aberta ao público, dividirase en tres sesións que se celebrarán os martes 5, 12 e 19 de xullo ás 19,00 horas no auditorio do segundo andar do Kiosko Alfonso. Cada unha destas sesións centrarase nun aspecto fundamental de María Casares: a infancia na Coruña, o exilio e o teatro.

Os guías

María Lopo. Doutora en Literatura Francesa pola Universidade Rennes 2-Haute Bretagne, é autora de estudos, edicións e traducións sobre literatura francófona contemporánea, especialmente poesía francesa e celtismo literario. Interesada polas culturas do exilio republicano e por María Casares, editou con Baía Edicións a correspondencia entre Casares Quiroga e María Casares no libro 'Cartas no exilio' (2008) e co Consello da Cultura Galega, o volume 'O tempo das mareas’ (2016).

Emilio Grandío. Profesor Titular de Historia Contemporánea da USC. Especialista na II República e no primeiro franquismo, traballa actualmente sobre a intervención exterior na península Ibérica tras a II Guerra Mundial; a evolución do exilio no franquismo e transición democrática. Autor de varios libros sobre Casares Quiroga ('Casares Quiroga. La forja de un líder', 'Casares Quiroga. Discursos Parlamentarios', 'Casares Quiroga y el 18 de Julio') e encargado da musealización da Casa Museo Casares Quiroga (Concello da Coruña).

Matilde Blanco. Nacida na Coruña, é licenciada en Arte Dramático polo Centro de Arte Dramático e Danza da Coruña e diplomada en dirección teatral en Almagro. Actriz de teatro dende 1979 en compañías como Escola Dramática Galega; Teatro do Atlántico, O Moucho Clerc, Teatro do Noroeste, CDG ou Andrómena Teatro. No audiovisual, traballou en series, cine e en dobraxe. Dirixiu en compañías como o Círculo Lírico Calderón, Caramuxa ou Andrómena. Durante 21 anos foi profesora de interpretación e directora teatral no Forum Metropolitano da Coruña.

Gonzalo Uriarte. Actor e primeiro presidente da AAAG. Pioneiro na profesionalización do teatro en Galicia, traballou en compañías como Troula, o Centro Dramático Galego, Teatro do Atlántico, Teatro do Morcego ou Teatro do Aquí. Entre as súas distincións, destacan galardóns como o Premio María Casares ao actor protagonista por 'A noite das Tríbades', o Premio Maruxa Villanueva ou o Premio de Honra Marisa Soto. A súa produción audiovisual inclúe películas como 'A lingua das bolboretas', 'O lapis do Carpinteiro' ou 'Trece Badaladas'.