Volver

Os XXVI Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras e gañadores

‘Cigarreiras’, de Contraproducións e Teatre Romea, faise con tres premios (espectáculo, dirección para Cándido Pazó e escenografía para Dani Trillo), mentres que ‘Hugo’, de Os Náufragos Teatro, acada o premio na categoría de espectáculo infantil

‘Terceiro acto’, do CDG, leva dous galardóns (actriz protagonista para Belén Constenla e actor protagonista para Eduardo R. Cunha ‘Tatán’), igual que ‘Othello’, de Voadora (iluminación para Nuno Meira e vestiario para Silvia Delagneau) e Comando Comadres, de Matrioshka Teatro (actriz secundaria para Anabell Gago e maquillaxe)

Os XXVI Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras e gañadores. Un total de 14 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración de institucións e entidades como son a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis. En total, nunha noite moi repartida, nove espectáculos gañaron algún premio. Cigarreiras, de Contraproducións e Teatre Romea, acadou tres galardóns: ao mellor espectáculo, á dirección (Cándido Pazó) e á escenografía (Dani Trillo). Hugo, de Os Náufragos Teatro, recibiu o premio ao mellor espectáculo infantil.

Pola súa banda, Terceiro Acto, do Centro Dramático Galego, conseguiu dous galardóns: actriz protagonista para Belén Constenla e actor protagonista para Eduard R. Cunha Tatán. Idéntico número de trofeos acadaron os espectáculos Comando Comadres, de Matrioshka Teatro (actriz secundaria para Anabell Gago e maquillaxe para LaPelu F. Silva) e Othello, de Voadora (iluminación para Nuno Meira e vestiario para Silvia Delagneau).

A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, logrou o premio á adaptación-tradución para Vanesa Sotelo. O premio do texto orixinal recaeu na obra A parábola do angazo, de Talía Teatro, cuxa autoría comparten Marta Lado, Araceli Gonda, Jose Prieto, Artur Trillo, Séchu Sende e Diego Rey. A cazola de Lola, de Tanxarina, marchou da gala co galardón á música orixinal, que asina Ailén Kendelman) e Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro, conquistou un galardón: o de actor secundario, que recoñeceu a Fernando Dacosta, que tamén subiu ao escenario para pechar a gala co seu Manifesto Galego do Día do Teatro.

En resumo, os/as gañadores/ divididos por espectáculos son:

1. Cigarreiras, de Contraproducións e Teatre Romea (3 premios): espectáculo, dirección e escenografía.

2. Terceiro acto, do Centro Dramático Galego (2 Premios): actriz protagonista e actor protagonista.

3. Othello, de Voadora, (2 premios): vestiario e iluminación

4. Comando Comadres, de Matrioshka Teatro (2 Premio): actriz secundaria e maquillaxe

5. Hugo, de Os Náufragos Teatro (1 premio): espectáculo infantil

6. A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante (1 Premio): adaptación-tradución.

7. A cazola de Lola, de Tanxarina (1 premio): música orixinal

8. Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro (1 premio): actor secundario

9. A parábola do angazo, de Talía Teatro (1 premio): espectáculo infantil

En resumo, gañadores/as por categoría:

MAQUILLAXE: LaPelu F. Silva, porComando Comadres, de Matrioshka

VESTIARIO: Silvia Delagneau, por Othello, de Voadora.

ILUMINACIÓN: Nuno Meira, por Othello, de Voadora.

ESCENOGRAFÍA: Dani Trillo, por Cigarreiras de Contraproducións e Teatre Romea

MÚSICA: Ailén Kendelman, por A cazola de Lola, de Tanxarina.

ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Vanesa Sotelo por A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante.

TEXTO ORIXINAL: Marta Lado, Araceli Gonda, Artur Trillo, Diego Rey, Séchu Sende e Jose Prieto, por A parábola do angazo, de Talía Teatro

ACTOR PROTAGONISTA: Eduardo R. Cunha Tatán por Terceiro Acto, do CDG

ACTRIZ PROTAGONISTA:Belén Constenla, por Terceiro Acto, do CDG

ACTRIZ SECUNDARIA: Anabell Gago, por Comando Comadres, de Matrioshka Teatro

ACTOR SECUNDARIO: Fernando Dacosta, por Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro.

DIRECCIÓN: Cándido Pazó por Cigarreiras de Contraproducións e Teatre Romea

ESPECTÁCULO INFANTIL: Hugo, de Os Náufragos Teatro

ESPECTÁCULO: Cigarreiras, de Contraproducións e Teatre Romea

A GALA

Carlos Álvarez-Ossorio dirixiu unha gala que se centrou na figura de María Casares, actriz da que se conmemora o seu centenario neste 2022. Para a ocasión, Álvarez-Ossorio contou cun elenco integramente feminino que lles deu voz ás palabras da actriz nacida na Coruña en 1922, xa que o espectáculo levou a escena diferentes fragmentos das súas memorias: Residente Privilexiada. Deste xeito, as intérpretes Sheyla Fariña, Marián Bañobre, Marta Pérez, Mónica de Nut, Nerea Brey e Rosa Puga Davila subiron ás táboas do Teatro Rosalía Castro para render homenaxe a María Casares nunha gala que tamén tivo tempo para reivindicar o teatro como unha patria-refuxio para todas as persoas exiliadas, apátridas e desprazadas. A música correo a cargo do Proxecto X (banda conformada por Diogo Silva, Paco Charlín, Virxilio da Silva e a propia De Nut) mentres que Violeta Martínez Rivera se encargou o deseño de luces e da escenografía e Marián Bañobre, do vestiario.

Durante a velada, entregouse o Premio de Honra Marisa Soto, que este ano recoñeceu a título póstumo a figura de Lino Braxe. A vicepresidenta da AAAG, Luma Gómez, encargouse de entregarlle a irmá de Braxe, María Braxe, a distinción cun sentido descurso no que celebrou a vida do polifacético artista. “Lino Braxe era un artista polifacético, un todoterreo cun xenio creativo que non parou de espallarse. O seu era un big bang de creatividade que non se acovardaba e que sempre atopaba unha causa na que militar”, explicou Luma Gómez antes de recoñecer que sen Braxe, os Premios María Casares “non serían e de ser serían outra cousa”, xa que sen o seu empeño, “María Casares non tería cedido o seu nome”.

A gala, que foi retransmitida por Youtube a través da canle que a AAAG dedica aos Premios de Teatro María Casares, contou tamén co discurso da Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Este ano, encargáronse de redactalo e de lelo as actrices Arantza Villar, Eva Fórneas, Sara Fandiño, Iria Lamas e Maria Ángeles Iglesias. “Hoxe celebramos o amor polo teatro. Celebramos que os teatros volvan estar cheos e desenmascarados, celebramos a resistencia de todas e todos nós, nestes dous anos de pandemia que non impediu que seguiramos creando”; sinalouse nun discurso, no que tamén houbo tempo para recoñecer, por suposto, a figura de María Casares no seu centenario. “María Casares é un referente, unha gran figura da escena. Pero, en definitiva, é unha compañeira do noso oficio. Unha muller forte, libre e comprometida, que na infancia viuse empurrada ao exilio polo golpe militar do 36 e que fixo do teatro o seu fogar”, reivindicouse durante a intervención das integrantes da Xunta Directiva.

Finalmente, o discurso concluíu con referencias claras sobre a necesidade de erguer a voz fronte a situacións inaceptables de abusos de poder ou acoso que cómpre exiliar. “Recibimos con tristura as queixas e consultas das nosas compañeiras. Queixas e consultas, que agochan outras tantas que non ven a luz por medo, presión, inseguridade… Si, recibímolas con tristura, mais tamén con determinación e con esperanza. Porque todas e cada unha destas queixas, consultas, peticións de asesoramento indican un camiño de futuro e amosan unha realidade: o silencio xa se crebou. Sentirnos seguras é algo esencial nunha profesión na que nos espimos literal e figuradamente,”, escoitouse na gala.

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu a gala, á que asis unhas 500 persoas, Entre a asistencia, atopábanse a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o director da Axencia galega das Industrias Culturais, (Agadic), Jacobo Sutil; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; o concelleiro do Partido Popular, Roberto Luis Coira Andrade; os concelleiros de Marea Atlántica, María García e Claudia Delso, ou o concelleiro do BNG, Francisco Jorquera.