Volver

A AAAG conmemora o centenario de María Casares con dúas pezas audiovisuais sobre o compromiso da actriz co exilio e a súa evolución escénica en Francia

María Casares: Voces para un centenario’, iniciativa que se realiza ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, pódese consultar a través da canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística

As dúas fitas conforman un díptico para retratar a emblemática actriz e combina as voces dos investigadores María Lopo e Emilio Grandío coas interpretacións de Sonsoles Cordón, Arantxa Treus, Bea Sánvil, Maika Aguado e Lucía Sá

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) únese á celebración do centenario de María Casares (A Coruña, 1922-París, 1996) co lanzamento de María Casares: Voces para un centenario, produción audiovisual que se realiza ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Esta iniciativa, formada por dúas fitas independentes, está a medio camiño entre o documental e a ficción ao conxugar ao longo do seu metraxe as voces do historiador Emilio Grandío e da investigadora María Lopo coa interpretación por parte de cinco actrices asociadas á AAAG de diferentes fragmentos das memorias Residente privilexiada, de entrevistas ofrecidas por María Casares e de papeis significativos da súa ampla carreira.

María Casares: Voces de un centenario é un díptico audiovisual que brinda a oportunidade de contar dende o aquí e dende o agora cun retrato de María Casares trazado dende unha dupla perspectiva: o seu posicionamento político dende o punto de vista da memoria do exilio e mais a súa evolución profesional na escena francesa tomando como referencia o seu paso polo histórico festival de Avignon”, explicou Luma Gómez, vicepresidenta da AAAG, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e Carlos-Álvarez Ossorio, director artístico de María Casares: Voces para un centenario e mais da gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o vindeiro 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Gómez lembrou que antes de falecer en 1996, María Casares cedeu á AAAG o seu nome para bautizar os premios de teatro que neste 2022, ano do centenario da actriz, acadan a súa 26ª edición. “Dende aquela, sentimos gratitude pola xenerosidade de María Casares, pero tamén unha débeda cara á ela que levamos anos saldando. Unha débeda que consideramos ademais común á toda sociedade galega: a de difundir a súa figura poliédrica, con gran relevancia para a historia do teatro, para a memoria do exilio, para o feminismo”, sinalou Luma Gómez, antes de engadir que a AAAG leva dende 2015 desenvolvendo cada ano diferentes actividades de difusión coincidindo coa celebración da gala dos Premios María Casares. Entre elas, a vicepresidente da AAAG destacou os roteiros na cidade da Coruña, os debates e mesas redondas na Casa Museo Casares Quiroga, proxeccións en colaboración coa Filmoteca de Galicia ou o ciclo sobre a actriz no Festival de Cineuropa.

Exilio e Avignon

María Casares: Voces para un centenario é un díptico audiovisual que se compón de dúas fitas diferentes gravadas na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña. A primeira delas titúlase María Casares: O deber da memoria. Nela, xorden as reflexións e a análise do historiador Emilio Grandío, profesor titular da Universidade de Santiago, sobre a posición de María Casares fronte ao exilio, a diáspora galega, o republicanismo ou a figura política do seu pai, Santiago Casares Quiroga. Durante a mesma, cinco actrices interpretan fragmentos de entrevistas e escritos de María Casares.

A segunda das pezas chámase María Casares e o festival de Avignon. Neste caso é María Lopo, investigadora e biógrafa de María Casares, quen fala para detallar a evolución da célebre actriz na escena francesa a través das súas múltiples participacións no afamado Festival de Avignon. A súa voz conxúgase coa interpretación de cinco actrices de papeis que María Casares encarnou ao longo da súa carreira na histórica mostra de teatro.

María Casares: Voces para un centenario contou con Manuel Silva para a súa realización, edición e montaxe, mentres que Carlos Álvarez-Ossorio se encargou da dirección artística das cinco actrices participantes: Sonsoles Cordón, Arantxa Treus, Bea Sánvil, Maika Aguado e Lucía Sá. As dúas pezas pódense ver a través da canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística e difundiranse ao longo das próximas semanas a través das redes sociais da AAAG.

Podes consultar aquí os vídeos

María Casares e o festival de Avignon

María Casares. O deber da memoria

Foto: Jacobo Sutil, director da Agadic; Luma Gómez, vicepresidenta da AAAG, e Carlos Álvarez-Ossorio, director da gala / Xoán Crespo.